concellos Denuncias Sanidade termalismo

O PSOE do Barco recrimínalle ao PP a súa ausencia na manifestación a prol da sanidade

A AGRUPACIÓN SOCIALISTA DO BARCO RECRIMÍNALLE AO PP A SÚA AUSENCIA NA MANIFESTACIÓN DO PASADO 22 DE NOVEMBRO PARA RECLAMAR UNHA SANIDADE “DIGNA E DE CALIDADE” PARA A COMARCA

As e os socialistas critican a postura dos populares de “agocharse” ante unha reivindicación de “vital” importancia para a comarca, por estar dirixida contra os responsables da sanidade pública galega, a Xunta de Galicia

Consideran que esta forma de actuar do PP “revela un comportamento claramente partidista e sectario, impropio de quen debe exercer a representación institucional de toda a cidadanía, con independencia do territorio ou da orientación política das administracións implicadas”

“A súa participación activa na Gudiña fronte ao seu silencio en Valdeorras, evidencia unha dobre vara de medir e un uso partidista da institucións que representan e prexudican a súa imaxe e a súa credibilidade pública”, destacan

O Barco de Valdeorras, 27 de novembro do 2025. A Agrupación Socialista do Barco de Valdeorras recrimínalle ao Partido Popular a súa ausencia na multitudinaria manifestación do pasado sábado 22 de novembro para reclamar unha sanidade “digna e de calidade” para a comarca de Valdeorras. As e os socialistas critican a postura dos populares de “agocharse” ante unha reivindicación de “vital” importancia para a comarca, por estar dirixida contra os responsables da sanidade pública galega, a Xunta de Galicia.

A sanidade é unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia, gobernada polo Partido Popular. Circunstancia que en palabras das e dos socialistas do Barco “evidencia a diferencia de actitudes nos cargos do Partido Popular, que si estiveron presentes nunha manifestación na Gudiña dirixida contra o Goberno central, pero ausentes nesta, que interpela directamente ao seu propio partido”. Neste senso, dende o PSOE do Barco consideran “inadmisible” que o sábado non estivesen na manifestación nin o presidente da Deputación e presidente do Partido Popular, nin a delegada especial para Valdeorras da Deputación, nin alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras do PP, “malia tratarse dunha reivindicación cidadá de enorme relevancia social e sanitaria”.

O PSdeG-PSOE do Barco considera que esta forma de actuar dos populares “revela un comportamento claramente partidista e sectario, impropio de quen debe exercer a representación institucional de toda a cidadanía, con independencia do territorio ou da orientación política das administracións implicadas”. Asemade, as e os socialistas consideran que como representantes dos concellos de Valdeorras e da Deputación Provincial “deberían actuar con neutralidade institucional e defender de maneira equilibrada os intereses conxuntos da provincia”.

“A súa participación activa na Gudiña fronte ao seu silencio en Valdeorras, evidencia unha dobre vara de medir e un uso partidista da institucións que representan e prexudican a súa imaxe e a súa credibilidade pública”, destacan dende a Agrupación Socialista do Barco. Tamén apuntan a que a súa ausencia en Valdeorras “constitúe, ademais, un xesto de desprezo cara unha comarca que leva anos padecendo a perda de servizos públicos esenciais, especialmente no ámbito sanitario e supón un agravio comparativo”.

Dende a Agrupación Socialista do Barco de Valdeorras pregúntanse se para o PP “son menos os valdeorreses e as valdeorresas ca outros habitantes doutros concellos da provincia?”, se “prevalecen as instrución do Partido Popular chegadas da cúpula do propio partido sobre os intereses de Valdeorras?”, se as protestas da Gudiña “non responden realmente a intereses do territorio, senón a estratexia política electoralista”, se están os altos cargos, alcaldes e alcaldesas do PP “ao servizo do seu partido ou ao servizo da cidadanía?” e se “lles preocupa máis seguir nos seus postos e menos o benestar e a saúde das valdeorresas e dos valdeorreses”.