concellos Denuncias Deputación de Ourense

O PP xustifica e ampara o transfuguismo dende a Deputación de Ourense

O PP XUSTIFICA NA DEPUTACIÓN O TRANSFUGUISMO E AMPARA AS PRÁCTICAS QUE LEVARON AO CAMBIO DE GOBERNO NO CONCELLO DE MANZANEDA

Álvaro Vila acusa ao PP de «obviar o Pacto Antitransfuguismo e eludir responsabilidades» para xustificar unha moción de censura «contraria aos principios democráticos»

Malia os votos favorables de BNG e DO, a ausencia de Gonzalo Pérez Jácome no pleno provocou un empate que o presidente Menor resolveu co seu voto de calidade amparando o transfuguismo

Os socialistas denuncian que o PP «imputa un desleixo en Manzaneda que non é tal» para encubrir unha operación coordinada desde a dirección provincial do partido

Ourense, 28 de novembro de 2025. O Pleno da Deputación de Ourense rexeitou a moción presentada polo Grupo Provincial Socialista contra o transfuguismo político polo voto contrario do Partido Popular e a ausencia do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. A iniciativa, que contou co apoio do BNG e dos dous deputados presentes de Democracia Ourensana, saldouse cun empate ao faltar o rexedor da capital no pleno, polo que o presidente da corporación, Luís Menor, exerceu o seu voto de calidade para rexeitar a moción e amparar as prácticas denunciadas polos socialistas.

O voceiro socialista, Álvaro Vila, denunciou que o PP «segue a obviar o Pacto Antitransfuguismo e a eludir responsabilidades» mentres xustifica unha moción de censura en Manzaneda apoiada en dous concelleiros que se presentaron nas listas do PSdeG-PSOE. Vila criticou que o PP «insiste en que a moción de censura era legal, mais omite de xeito deliberado que vulnera frontalmente o Pacto ao que esta mesma Deputación se adheriu por unanimidade, co voto favorable do PP, o 29 de xaneiro de 2021».

O secretario provincial do PSdeG-PSOE subliñou que «a legalidade formal dunha moción de censura non exime da obriga ética e política de cumprir co Pacto Antitransfuguismo», que establece de xeito categórico que os partidos se comprometen a «rexeitar e non admitir» no seu grupo a concelleiros que abandonaron o suxeito político que os presentou ás eleccións. «O presidente Menor admitiu publicamente que o PP ‘aceptou’ o apoio de dous concelleiros tránsfugas. Hoxe, neste pleno, o PP ratifica esa vulneración votando en contra da nosa moción», afirmou Vila.

Desacreditar Manzaneda para encubrir o transfuguismo

O voceiro socialista laiouse de que o PP insistiu en «imputar un desleixo na xestión do Concello de Manzaneda que non é tal» para tratar de xustificar o apoio en tránsfugas. Vila recordou que o PSdeG-PSOE obtivo nas eleccións do 28 de maio de 2023 unha maioría absoluta con cinco concelleiros fronte aos dous do PP, «o peor resultado da súa historia no municipio», e que o alcalde deposto reivindicou unha xestión que permitiu recibir «900.000 euros entre Xunta e Deputación, un récord».

«O PP pretende desacreditar o goberno socialista para encubrir unha operación coordinada desde a dirección provincial para facerse coa alcaldía mediante tránsfugas», afirmou Vila, quen lembrou que o candidato popular Pedro Yáñez declarou que «conversamos e chegamos a un acordo» e que «sen o apoio do partido non faríamos a moción de censura», evidenciando que a operación foi aprobada pola dirección do PP provincial.

O voto de calidade de Menor ampara o transfuguismo

A ausencia de Pérez Jácome permitiu ao presidente Luís Menor exercer o seu voto de calidade para rexeitar a moción. «Resulta paradoxal que unha moción que defende os principios democráticos sexa rexeitada mediante o voto de calidade do presidente da Deputación, que ademais é o presidente provincial do partido que vulnerou o Pacto Antitransfuguismo», afirmou Vila.

O voceiro socialista subliñou que «o rexeitamento desta moción constitúe unha ratificación pública da aposta do PP polo transfuguismo como estratexia política para alterar maiorías municipais». Vila concluíu que «o PP de Ourense envía hoxe unha mensaxe clara: está disposto a vulnerar os pactos asinados e a amparar prácticas contrarias aos principios democráticos para conseguir alcaldías a calquera prezo».