AS SOCIALISTAS DO CONCELLO RECLAMARÁN A CUBERTA DE PARQUES INFANTÍS E INSTALACIÓNS MUNICIPAIS PARA QUE POIDA EMPREGAR A CATIVADA MALIA AS CARACTERÍSTICAS CLIMATOLÓXICAS DE OURENSE
“Está claro que as características climatolóxicas de Ourense precisan medidas concretas para que non se restrinxa o tempo e espazo de lecer dos nenos e nenas. Actualmente, hai moi poucas zonas comúns cubertas”, advertiu a voiceira, Natalia González
A moción incide en que no prazo máximo dun ano se produza a redacción e contratación do primeiro parque infantil cuberto da cidade e que se abra un proceso participativo onde familias, ANPAS e asociacións dos diferentes barrio poidan realizar propostas
Ourense, 2 de decembro de 2025. As edís socialistas do Concello de Ourense presentaron, nun almorzo informativo cos medios de comunicación, as iniciativas que defenderán no vindeiro pleno ordinario deste mes de decembro. A primeira delas consiste en instar ao goberno local para que desenvolva un plan de parques infantís cubertos que estableza prioridades en función da demanda social dos barrios, detalle a viabilidade técnica e fixe un calendario plurianual de execución co seu correspondente estudo económico.
O plan implicaría, ademais, realizar un inventario exhaustivo de zonas de xogo, parques existentes e espazos municipais susceptibles de cubrirse para poder ser empregados tanto no verán, coas altas temperaturas, como no inverno, durante as épocas de máis precipitacións. Así o explicou a portavoz do PSdG, Natalia González, que sinalou que se trata dunha idea que xa se está a poñer en marcha noutras cidades como Ferrol ou Irún. “Está claro que as características climatolóxicas de Ourense precisan medidas concretas para que non se restrinxa o tempo e espazo de lecer dos nenos e nenas. Actualmente, hai moi poucas zonas comúns cubertas”, advertiu.
A moción incide en que no prazo máximo dun ano se produza a redacción e contratación do primeiro parque infantil cuberto da cidade e que se abra un proceso participativo onde familias, ANPAS e asociacións dos diferentes barrio poidan realizar propostas sobre a localización e o deseño dos mesmos.
Por outra banda, afirmou que resulta incomprensible ter que defender algo que debería ser indiscutible como é a liberdade de prensa, pero que non por elo as socialistas deixarán de facelo, nesta ocasión con outra iniciativa. “Non é a primeira vez que saímos en apoio aos e as xornalistas que traballan nos medios de comunicación, mais resulta triste levar tantos anos padecendo as campañas de acoso e derribo do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, sempre que se lle leva a contraria ou se confronta co seu punto de vista”, lamentou a tamén secretaria do PSOE en Ourense.
«Aparte de trasladar o noso apoio, a través desta moción, aos medios de comunicación e aos seus profesionais, reclamamos que dunha vez por todas os plenos do Concello, de interese xeral e público, deixen de ser un plató privado no que o rexedor emite as súas consignas de xeito unidireccional e censurando a liberdade de prensa a o acceso á información que está recollido na Constitución”, puntualizou.
Tamén lembrou que dende o grupo municipal do PSdeG xa rexistraron formalmente, a semana pasada, unha queixa ante a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, na que solicitan un “recurso de amparo institucional” ante o que describen como unha vulneración de dereitos fundamentais, ausencia total de principios democráticos e esixindo o correcto funcionamento da Administración local.

