POLÍTICA PROVINCIAL SERVIZOS PÚBLICOS

Condenamos as declaracións da deputada do PP Ana Vázquez sobre a DANA e a UME

Álvaro Vila salienta que «resulta especialmente grave que Vázquez utilice a traxedia de Valencia para facer política partidista cando foi a neglixencia do PP valenciano a responsable das dimensións do drama».

O secretario provincial socialista lembra que a deputada ourensá ten un historial reiterado de saídas de tono, insultos e declaracións homófobas que a converten nun «perfil tóxico» no panorama político.

Os socialistas esixen que o PP de Ourense se distancie publicamente destas afirmacións e condene a utilización da UME e das vítimas da DANA para facer unha «oposición irresponsable» ao Goberno central.

Ourense, 3 de decembro de 2025. O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila, condenou de xeito contundente as declaracións da deputada popular Ana Vázquez Blanco sobre o despregamento da Unidade Militar de Emerxencias (UME) tralo brote de peste porcina africana en Cataluña. A través das redes sociais, Vázquez comparou a recente mobilización coa actuación do corpo na traxedia de Valencia, afirmando que «chegou antes por 14 xabarís mortos que polas 229 persoas falecidas na DANA».

«Estamos diante doutra nova saída de ton dunha deputada que ten un historial reiterado de afirmacións inapropiadas, insultos e comportamentos que deberían avergonzar ao PP», sinalou Vila. O dirixente socialista fincou que Vázquez é coñecida polas súas polémicas, que inclúen indirectas homófobas ao ministro Grande-Marlaska e descualificacións machistas á exministra Irene Montero, facendo patente que «non se trata dun caso illado, senón dun patrón que dana gravemente á imaxe da propia política».

O secretario provincial subliñou que «resulta especialmente grave que Vázquez pretenda utilizar a traxedia de Valencia para facer oposición partidista cando foi precisamente a neglixencia do Partido Popular valenciano, con Carlos Mazón á fronte, a que acabou provocando que a catástrofe alcanzase as dimensións que todos coñecemos». Vila fixo fincapé en que «mentres o presidente estaba de sobremesa en El Ventorro, a UME xa se estaba posicionándose no terreo desde as 15:41 horas do día da DANA e ás 17:00 xa estaban rescatando aos damnificados, realizando o maior despregamento da súa historia».

Esixencia para o PP de Ourense de distanciamento

O secretario provincial do PSdeG-PSOE esixe ao Partido Popular de Ourense que se deslinde publicamente destas afirmacións e condene a utilización da UME, das vítimas da DANA e da institucionalidade dun corpo militar de emerxencias para facer oposición irresponsable ao Goberno central. «Non se pode consentir que unha deputada ourensá, que debería representar con dignidade á nosa provincia, se dedique a facer política do máis baixo nivel utilizando as traxedias humanas como arma de confrontación partidista», sentenciou Vila.

«O PP de Ourense debe tomar unha posición clara: ou condena estas manifestacións e desmárcase da súa deputada, ou convértese en cómplice deste tipo de comportamentos que non fan máis que deteriorar a calidade da nosa democracia», concluíu o líder socialista ourensán.