AS SOCIALISTAS CONSEGUEN QUE SE APROBEN AS SÚAS INICIATIVAS EN DEFENSA DE LIBERDADE DE PRENSA E PARA A CREACIÓN DE PARQUES CUBERTOS NA CIDADE DE OURENSE
No texto, aprobado co voto favorable de PP e BNG, ínstase ao goberno municipal a garantir que todas as comunicacións institucionais (roldas de prensa, anuncios, declaracións, actos e convocatorias) sexan realizadas a través das canles oficiais do Concello de Ourense, con acceso libre dos medios de comunicación e garantindo sempre a posibilidade de preguntas
Ourense, 05 de decembro de 2025. As edís socialistas do Concello de Ourense conseguiron, no pleno ordinario de decembro que tivo lugar esta mañá, que se aprobase a súa inciativa para a defensa da liberdade de prensa, o dereito á información e do respecto institucional aos e ás profesionais da comunicación. “Nos últimos anos, dende que o alcalde ocupa a cadeira de autoridade máxima desta cidade, estamos afeitos a presenciar como restrinxe dereitos básicos que os e as ourensás xa tiñan adquiridos, entre eles o de acceso a unha información plural e libre”, comezou argumentando a portavoz, Natalia González.
“E tamén estamos acostumados a que se ampare na escusa de que algo non é competencia estritamente municipal para botar por terra calquera idea ou iniciativa que mellore a vida de todos e todas as que aínda resistimos en Ourense”, sinalou sobre a inercia política do equipo de goberno.
“Cantas veces escoitamos neste salón de plenos que algo non se pode facer porque é responsabilidade da Xunta de Galicia ou do Goberno de Pedro Sánchez? Non obstante, para interferir nun dereito que aparece recollido no artigo 20 da Constitución Española, que recoñece e protexe a liberdade de expresión, que todas as persoas poidan comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión e que prohibe a censura previa, para aí si ten autoridade Gonzalo Pérez Jácome”, expuxo referíndose ao recente anuncio feito polo rexedor de deixar só 5 minutos aos fotógrafos para tomar instantáneas ao principio das sesións plenarias.
No texto, aprobado co voto favorable de PP e BNG, ínstase ao goberno municipal a garantir que todas as comunicacións institucionais (roldas de prensa, anuncios, declaracións, actos e convocatorias) sexan realizadas a través das canles oficiais do Concello de Ourense, con acceso libre dos medios de comunicación e garantindo sempre a posibilidade de preguntas. Tamén a instar ao alcalde a respectar escrupulosamente a liberdade de prensa e o pluralismo informativo, absténdose de calquera comportamento intimidatorio, despectivo ou que interfira no labor profesional dos xornalistas, fotógrafos e medios de comunicación.
“Traemos esta moción porque a política e o xornalismo que nacen por vocación comparten similitudes coas que non podemos máis que sentirnos identificados. Cando o que se persegue é protexer e defender a democracia e a liberdade con maiúsculas, ás veces hai que asumir compromisos que poden resultar incómodos: preguntar onde non queren que preguntes, investigar onde moitos preferirían que reinase o silencio e contar o que outros tratan de ocultar. Defender a liberdade de prensa é, en esencia, defender a quen se dedica a buscar e explicar eses feitos aínda nas circunstancias más difíciles”, destacou.
Por último, a moción esixe que calquera comparecencia institucional estea separada de forma clara, efectiva e inequívoca da actividade privada do alcalde como prestador de servizos audiovisuais, impedindo que Auria TV substitúa, suplante ou condicione a comunicación municipal; e reclama ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que pida desculpas públicas polo seu comportamento e se retracte das súas arbitrarias decisións de impedir e/ou limitar o acceso aos medios de comunicación e aos seus profesionais ás sesións de órganos colexiados de natureza pública.
Tamén recibiu o apoio dos grupos da oposición a iniciativa do PSdeG para a cubrición de parques ínfantís e espazos de lecer municipais que promoveron nesta sesión plenaria, posto que se trata dunha medida eficaz e de grande impacto social, xa implantada con éxito noutras cidades como Ferrol, Allariz ou Irún. “Os parques cubertos, ademais de protexer das inclemencias meteorolóxicas, permiten mellorar a accesibilidade universal e asegurar o goce dos espazos públicos por parte de todas as persoas”, relatou tamén a voceira das socialistas.
No texto aprobado especifícase que urxe realizar un inventario exhaustivo de zonas de xogo infantil susceptibles de seren adecuados para poñer en marcha a medida e que se debería proceder, no prazo máximo dun ano, á redacción e contratación do primeiro parque infantil cuberto da cidade,preferentemente nun dos barrios con maior demanda.
Ademais, dende o grupo municipal socialista, consideran prioritario que para todo elo se abra un proceso participativo onde familias, ANPAS e asociacións dos barrios de Ourense poidan realizar propostas sobre a localización e o deseño.

