AS SOCIALISTAS RECLAMAN DILIXENCIA AO GOBERNO MUNICIPAL PARA ATENDER AS SOLICITUDES DE AGARDA NO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR E XANTAR NA CASA
O SAF conta actualmente con 665 persoas sen acceso ao mesmo por insuficiencia de horas dispoñibles. “Destas, 107 persoas están en lista de agarda en libre concorrencia e 558 persoas en situación de dependencia, pendentes de recibira prestación”, lamenta a voceira, Natalia González
Tamén pediron que se avance na nova redacción, actualización e aprobación do regulamento do Fogar do Transeúnte ao considerar imprescindible que se estableza unha planificación clara
Ourense, 16 de decembro de 2025. Durante a Xunta de Área de Benestar Social, que tivo lugar esta mañá no Concello de Ourense, as edís do grupo municipal socialista formularon ao goberno lolal diversas cuestións de especial sensibilidade ao respecto da situación preocupante de varios servizos imprescincibles para a cidadanía.
Por unha banda, denunciaron a grave situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que, segundo os datos facilitados pola concelleira responsable da carteira, conta actualmente con 665 persoas sen acceso ao mesmo por insuficiencia de horas dispoñibles. “Destas, 107 persoas están en lista de agarda en libre concorrencia e 558 persoas en situación de dependencia, pendentes de recibira prestación”, advirte a voceira do PSdeG, Natalia González.
Así as cousas, a concelleira de DO indicou que a última solicitude de ampliación de horas á Xunta de Galicia se realizou o 1 de xullo, sen que conste que nos últimos cinco meses o executivo de Gonzalo Pérez Jácome solicitase unha nova ampliación, a pesar do incremento da demanda. “Por este motivo, instamos ao goberno local a que, de maneira inmediata, reclame á Administración autonómica a ampliación das horas do SAF, co obxectivo de dar cobertura ás 665 persoas que actualmente non dispoñen del”, incidiu a tamén secretaria xeral do PSOE na cidade.
Por outra banda, reclamaron tamén que se restablezan as horas de conciliación nos centros cívicos municipais, recentemente recucidas. “Na actualidade, a oferta limítase a unha hora e media, o que resulta claramente insuficiente para as familias que teñen dificultades para conciliar, polo que solicitamos que estas horas se restablezan canto antes e, en todo caso, de cara ao próximo semestre do curso escolar, ata o mes de xuño de 2026”, aclarou a portavoz das socialistas.
Ademais, nesta mesma Xunta de Área, desde o grupo do PSdeG pediron que se avance na nova redacción, actualización e aprobación do regulamento do Fogar do Transeúnte ao considerar imprescindible que se estableza unha planificación clara, que o proceso se abra ás achegas dos traballadores e traballadoras do servizo, dos grupos políticos municipais e que no ano 2026 Ourense poida contar cun novo regulamento adaptado á realidade social.
Finalmente, instaron ao executivo a axilizar os trámites para a sinatura da adenda que permita ampliar as prazas de Xantar na Casa. “Segundo informou a concelleira, a lista de agarda duplicouse: hai tres meses había 9 persoas pendentes e, na actualidade, hai 18 persoas á espera, a falta de que a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense asinen definitivamente esta adenda. Reclamamos que se dea resposta urxente a estas persoas, que levan meses agardando e que precisan do servizo durante o ano 2026”, reivindicou a portavoz.

