Executiva Provincial de Ourense

Reunimos de urxencia á Executiva Provincial para abordar unha denuncia por presunto acoso laboral

A EXECUTIVA PROVINCIAL DO PSDEG-PSOE DE OURENSE ABORDA DE URXENCIA UNHA DENUNCIA POR ACOSO PRESENTADA A TRAVÉS DA CANLE INTERNA DO PARTIDO

A reunión terá lugar hoxe a partir das 20h00 a porta pechada. As conclusións e resolucións a adoptar faranse públicas en rolda de prensa mañá a partir das 10h30 na sede do PSdeG-PSOE de Ourense.

Ourense, 16 de decembro de 2025. A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense reunirase de urxencia hoxe, a partir das 20.00 horas, para abordar a denuncia por presunto acoso laboral presentada a través da canle interna do partido contra o alcalde de Barbadás e deputado provincial, Xosé Carlos Valcárcel Doval.

O secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, convocou esta reunión da Executiva Provincial tras ter coñecemento da denuncia. A organización provincial actuará con toda a celeridade e rigor que require unha situación desta natureza, seguindo escrupulosamente os procedementos e protocolos establecidos polo PSdeG-PSOE.

Dado o delicado do asunto, a reunión realizarase a porta pechada. A Executiva Provincial analizará as circunstancias do caso e adoptará as decisións que correspondan en aplicación do regulamento interno do PSdeG-PSOE. A gravidade da situación require unha actuación dilixente, rigorosa e sempre axustada aos mecanismos que o partido ten establecidos para estes supostos.

O respecto aos procedementos resulta fundamental para garantir a integridade do proceso e os dereitos das persoas implicadas. Por estes motivos, a dirección do partido en Ourense pospón calquera comentario ou declaración até o termo da reunión. A organización provincial mantén o seu compromiso inquebrantable coa defensa das vítimas e coa aplicación estrita dos protocolos internos.

Ao remate da Executiva Provincial, e toda vez sexan analizados os feitos en cuestión, serán adoptadas as pertinentes resolucións. As informacións sobre as medidas acordadas serán comunicadas aos medios de comunicación e á sociedade civil nunha rolda de prensa que se celebrará mañá, día 17 de decembro, na sede do PSdeG-PSOE de Ourense, a partires das 10.30 horas, onde o secretario provincial atenderá as preguntas dos xornalistas.