O PSDEG-PSOE DE OURENSE PON Á VÍTIMA NO CENTRO DAS SÚAS PREOCUPACIÓNS E APLICA O PROTOCOLO CONTRA O ACOSO CON RIGOR E TRANSPARENCIA
O secretario provincial socialista, Álvaro Vila, da conta en rolda de prensa da sucesión de acontecementos trala denuncia recibida por acoso laboral contra o alcalde de Barbadás
Vila salienta como o partido na provincia actuou con celeridade, desde o primeiro momento que é consciente dos feitos, e como veu de garantir en todo momento os dereitos das partes
Xosé Carlos Valcárcel renuncia á militancia no PSdeG-PSOE trala reunión mantida co secretario provincial, quen sitúa a protección da vítima por riba da estabilidade do goberno municipal de Barbadás
Ourense, 17 de decembro de 2025. O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, compareceu hoxe na sede do partido para dar conta con «total transparencia» da sucesión de acontecementos trala denuncia por presunto acoso laboral presentada contra o alcalde de Barbadás e deputado provincial, Xosé Carlos Valcárcel Doval. Vila subliñou que «non son momentos fáciles», pero reafirmou o compromiso do partido coa aplicación rigorosa dos seus protocolos e coa protección das vítimas.
O domingo 15 de decembro, entre as 11.30 e as 12.00 horas, o secretario provincial recibiu unha chamada dunha militante na que esta lle manifestaba unha posible situación de acoso. «Inmediatamente din conta desta conversa á secretaria de igualdade, ao secretario de organización e trasladei aos órganos do partido» a información, explicou Vila, quen destacou a rapidez coa que se activaron todos os mecanismos previstos no protocolo interno.
O luns 16 de decembro, ás 17.30 horas, celebrouse unha reunión na sede do PSdeG-PSOE de Ourense coa denunciante. Nese encontro, esta fixo un relatorio verbal e por escrito dos feitos que considera que aconteceron, e tamén presentou a denuncia a través da canle interna do PSdeG-PSOE. A secretaria de igualdade provincial, o secretario de organización, a vicesecretaria provincial e o propio Álvaro Vila asinaron, xunto coa denunciante, a acta da reunión, que foi trasladada aos órganos do partido tanto a nivel galego como estatal.
Despois da reunión do luns coa denunciante, o secretario provincial contactou inmediatamente co denunciado para informalo de que fora obxecto dunha denuncia e manter con este unha conversa. Posto que Xosé Carlos Valcárcel non tiña dispoñibilidade antes, por mor dunha reunión da FEGAMP en Santiago, o martes 17 de decembro pola tarde celebrouse o encontro entre ambos, no que intercambiaron pareceres. Ao termo desta reuníon, o alcalde de Barbadás presentou a súa renuncia á militancia no PSdeG-PSOE.
Ese mesmo martes 17 de decembro, xa pola tarde-noite, a Executiva Provincial dos socialistas ourensáns reuniuse para compartir e debater os feitos, subscribindo «un rotundo apoio á vítima, que debemos protexer en todo momento, ademais de acompañar durante todo o proceso», dixo Vila. Segundo explicou o secretario provincial, “a denuncia está a ser tramitada polo Órgano contra o Acoso do PSdeG-PSOE en Madrid, quen dará voz ás partes, que farán a súa exposición de motivos e presentarán as probas oportunas chegado o momento».
Hoxe, mércores 18 de decembro, convocouse unha rolda de prensa para dar boa conta, “con total transparencia”, da evolución de acontecementos. «Cada quen ten que asumir as súas responsabilidades políticas, que deben ser acaídas con esta situación», fincou o secretario provincial. Ademais, Vila informou da apertura dun expediente informativo contra o militante que no seu día era concelleiro de Barbadás e dimitiu por presunto acoso sexual, coa intención de expulsalo inmediatamente do partido. «No seu momento non había constancia de que esta dimisión fora por acoso sexual. O partido non estaba informado», aclarou Vila, facendo referencia á dimisión deste edil en 2024.






A vítima, sempre no centro: a gobernabilidade, secundaria
Álvaro Vila foi contundente ao situar a protección da vítima no centro da actuación do partido: «O noso partido ten uns valores. Neste sentido ten moi clara a tolerancia cero co acoso. O proceso coas máximas garantías para todas as partes, denunciante e denunciado». O líder dos socialistas ourensáns fixo fincapé en que a identidade da denunciante «hai que preservala», distinguindo entre «denuncia anónima e denuncia onde se preserva o anonimato». «Trátase dun proceso onde se preservan as máximas garantías para denunciante e denunciado», recalcou.
O secretario provincial aclarou que nestes intres «a situación do goberno do concello de Barbadás é secundaria». «O primeiro que hai que preservar é o percorrido desta denuncia, acompañar á vítima e despois xa se valorará como pode afectar ao goberno», afirmou. Vila recoñeceu que «todo sucedeu moi rapidamente» e que aínda non abordaron cos concelleiros socialistas de Barbadás a cuestión de como quedará o goberno municipal. «O faremos, pero aínda non tivemos tempo», asegurou, ao tempo que confirmou que non consta que ningún concelleiro se dera de baixa do partido.
O secretario provincial insistiu en que o proceso se desenvolve «coas máximas garantías para denunciante e denunciado», preservando a identidade da muller e respectando o dereito de defensa. “O PSdeG-PSOE de Ourense reafirma o seu compromiso coa aplicación rigorosa dos seus protocolos contra o acoso, coa protección das vítimas e coa defensa dos valores que definen á organización socialista”, concluíu Álvaro Vila, quen insistiu en que o partido actuou «con total pulcritude» desde o primeiro momento en que tivo coñecemento da denuncia.

