O PSDEG-PSOE DE OURENSE INFORMA QUE AS 5 CONCELLEIRAS SOCIALISTAS DE BARBADÁS ABANDONAN O GRUPO DE GOBERNO E SEGUIRÁN FORMANDO PARTE DO PARTIDO
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo; e o secretario de organización, Antonio González Fiuza, mantiveron un encontro esta tarde coas concelleiras Victoria Morenza Doforno, Marga Pérez Fernández, Ana Belén Peleteiro Prieto, Noemí Pintos Fondevila, María Elisabet González e o concelleiro, José Manuel Morgade Méndez
Morenza, Pérez, Peleteiro, Pintos e González destacan que a decisión “é firme” e vén motivada “pola gravidade da situación, que entendemos require unha actuación dilixente, coherente e rigorosa”
O secretario provincial volve trasladarlle ao actual alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, a súa petición de dimisión e que entregue as actas de concelleiro en Barbadás e de deputado provincial
As e os socialistas fan referencia a que esta situación vén derivada do encubrimento por parte de Valcárcel dun presunto acoso sexual doutro ex concelleiro socialista a unha militante, feitos que sucederon en 2024 e dos que o alcalde non informou ao partido
Ourense, 18 de decembro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de manter esta tarde unha reunión cas 5 concelleiras e o concelleiro socialista de Barbadás para analizar a situación, logo da denuncia por presunto acoso contra o rexedor, Xosé Carlos Valcárcel, e despois de que este anunciase e efectuase a súa renuncia como militante, e tras negarse a dimitir como alcalde e entregar a súa acta de concelleiro. As e os socialistas fan referencia a que esta situación vén derivada do encubrimento por parte de Valcárcel dun presunto acoso sexual doutro ex concelleiro socialista a unha militante, feitos que sucederon en 2024 e dos que o alcalde non informou ao partido “actuando con pouca dilixencia, demorando a dimisión deste edil e incluso alagándoo publicamente no pleno no que entregou a súa acta”.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo; e o secretario de organización, Antonio González Fiuza, mantiveron este encontro coas concelleiras Victoria Morenza Doforno, Marga Pérez Fernández, Ana Belén Peleteiro Prieto, Noemí Pintos Fondevila, María Elisabet González e o concelleiro, José Manuel Morgade Méndez.
As cinco concelleiras socialistas puxeron de manifesto a súa decisión de abandonar o grupo de goberno, despois de que o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, anunciase que non ía dimitir e seguiría como rexedor do municipio. As edís seguirán formando parte do grupo municipal socialista, pero deixan deste xeito o goberno municipal. No relativo ao outro concelleiro do PSdeG-PSOE de Ourense, este trasladoulle aos representantes da Executiva Provincial unha petición para estudar durante as próximas horas se continúa formando parte do grupo de goberno, e en consecuencia, abandona o partido, ou se opta por seguir os pasos das 5 concelleiras.
Morenza, Pérez, Peleteiro, Pintos e González destacan que a decisión “é firme” e vén motivada “pola gravidade da situación, que entendemos require unha actuación dilixente, coherente e rigorosa”. As edís socialistas subscriben o seu “rotundo apoio a vítima, que debemos protexer en todo momento, ademais de acompañar durante o proceso”.
As concelleiras tamén destacan que a decisión de abandonar o goberno municipal “é totalmente consensuada, xa que consideramos que ante a gravidade dos feitos, non podemos permanecer impasibles nin seguir un minuto máis no goberno municipal”. As edís socialistas tamén afirman que “o noso partido ten uns valores, que compartimos e defendemos día a día e neste senso temos moi claro a tolerancia cero co acoso”.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo pon de manifesto que esta decisión “supón que o grupo municipal socialista seguirá traballando a prol da veciñanza de Barbadás” e agardan que o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, “sexa consecuente e recapacite, dimitindo como rexedor e entregando as súas actas de concelleiro e de deputado provincial”.
Vila insiste en que agora mesmo o proceso se desenvolve “coas máximas garantías para a denunciante e o denunciado”. O líder socialista reafirma o compromiso do PSdeG-PSOE de Ourense “coa aplicación rigorosa dos seus protocolos contra o acoso, coa protección das vítimas e coa defensa dos valores que definen á organización socialista”.

