AS CINCO CONCELLEIRAS SOCIALISTAS DE BARBADÁS CONSIDERAN “INADMISIBLES E INSUFICIENTES” AS EXPLICACIÓNS DADAS POLO ALCALDE SOBRE O SUPOSTO CASO DE ACOSO SEXUAL ACONTECIDO EN 2024 E QUE TRATOU DE TAPAR
Poñen de manifesto que no momento de dar a coñecer o suposto acoso sexual “sufrimos unha situación de ameazas pola súa parte, na que nos chegou a dicir que si denunciabamos cesaríanos de forma fulminante”
Destacan que “a vítima sufriu dende entón acoso por parte do rexedor, tal e como nos trasladou” e tal e como apuntan “chegaron a darlle a baixa psicolóxica durante varios meses ante ambos casos, vivindo un auténtico calvario”
Fan fincapé en que a denunciante “afundiuse psicoloxicamente por mor das presións continuas do rexedor e tras o suposto acoso sexual vivido e non foi capaz de presentar unha denuncia, debido a que non se vía con forzas para facelo”
Ourense, 19 de decembro do 2025. As cinco concelleiras do PSdeG-PSOE en Barbadás consideran “inadmisibles” as explicacións dadas polo actual alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, nos últimos días en relación ao suposto caso de acoso sexual acontecido en 2024, e no que estaba implicado un ex edil socialista.
As edís socialistas poñen de manifesto que a decisión tomada por Valcárcel en setembro de 2024, cando forzou a dimisión do concelleiro que supostamente realizou o acoso sexual sobre unha militante socialista “foi insuficiente”. Neste senso consideran que a vítima “quedou totalmente indefensa” e sinalan que a raíz desta situación “comezou a vivir un calvario cunha situación de acoso por parte do alcalde, tras ter denunciado esta situación”. Asemade tamén subliñan que nese momento “sufrimos unha situación de ameazas pola súa parte, na que nos chegou a dicir que si denunciabamos cesaríanos de forma fulminante, ademais de dirixirnos en numerosas ocasións palabras fora de lugar ás 5”.
Sinalan que o alcalde “tratou por tódolos medios de tapar o caso” e apuntan que “é inadmisible que non dera traslado ao partido dun tema tan grave como un suposto acoso sexual e aínda máis grave que no pleno no que este concelleiro dimitiu, o alagara publicamente, dedicándolle un sen fin de palabras bonitas a unha persoa que se marchaba por un suposto caso de acoso sexual”.
Destacan que a vítima “sufriu dende entón acoso por parte do rexedor, tal e como nos trasladou” e apuntan que “chegaron a darlle a baixa psicolóxica por mor destes casos, vivindo un auténtico calvario”. Neste senso tamén fan fincapé en que a denunciante “afundiuse psicoloxicamente a raíz das presións continuas do rexedor e tras o suposto acoso sexual vivido e non foi capaz de presentar unha denuncia, debido a que non se vía con forzas para facelo”.
A decisión das concelleiras de seguir adiante na súa renuncia ao goberno municipal “é un exercicio de coherencia” e fan fincapé que a vítima “nunca estivo conforme coa actitude do alcalde ante o suposto caso de acoso sexual e coa decisión tomada, na que o ex edil se foi pola porta grande co aplauso cómplice do rexedor”.
As e os socialistas tamén sinalan que a decisión do rexedor de impulsar un manifesto contra o acoso sexual “foi a gota que colmou o vaso”, xa que tal e como relatan “a vítima tomouno coma unha auténtica falta de respecto” e apuntan a que “é incomprensible que unha persoa que intenta tapar un posible caso de acoso sexual, que comeza a tomar represalias contra a persoa que denuncia estar sufrindo este episodio e que alaga e aplaude ao suposto agresor, veña despois a dar leccións de moral impulsando manifestos contra o acoso”.

