O PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA O COMPROMISO DO GOBERNO COAS TELECOMUNICACIÓNS NA PROVINCIA TRAS GARANTIR A CONEXIÓN A INTERNET E TELEFONÍA MÓBIL NOS MUNICIPIOS AFECTADOS POLOS GRANDES INCENDIOS NO PASADO VERÁN
Rafael Rodríguez Villarino sinalou durante a súa intervención na comisión de Transformación Dixital do Senado, que o Goberno de España “é plenamente consciente da magnitude das consecuencias derivadas da vaga de lumes que asolaron ao Estado, a Galicia, e singularmente á provincia de Ourense o pasado mes de agosto”
“O Goberno socialista de España ten levado a práctica e financiado con abundantes fondos públicos numerosos proxectos, e continuará facéndoo”, subliña o senador por Ourense
Ourense, 19 de decembro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense pon de manifesto o “compromiso” do Goberno central coas telecomunicacións na provincia. O executivo do PSOE garante a conexión a internet e telefonía móbil nos municipios de Galicia gravemente afectados polos incendios do pasado verán, e continúa avanzando cara a cobertura plena no territorio galego.
O senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino sinalou durante a súa intervención na comisión de Transformación Dixital do Senado, que o Goberno de España “é plenamente consciente da magnitude das consecuencias derivadas da vaga de lumes que asolaron ao Estado, a Galicia, e singularmente á provincia de Ourense o pasado mes de agosto”. Villarino destaca que esta catástrofe “puxo de manifesto a transcendencia das redes e servizos de telecomunicacións, da que se derivou a necesidade de establecer un marco xurídico integral, é dicir, completo, detallado e actualizado, que lles proporcione seguridade e resiliencia”.
Por este motivo, o Goberno progresista de España puxo en marcha, a través do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, un proxecto normativo en forma de “Real Decreto sobre seguridade e resiliencia das redes e servizos de comunicacións electrónicas”, que se atopa en trámite de audiencia ata o 8 de xaneiro de 2026, cuxos obxectivos son reforzar as medidas de seguridade no sector das telecomunicacións, evitar ou reducir ao mínimo o impacto dos incidentes de seguridade nos usuarios, e recuperar as comunicacións o antes posible.
“Esta norma prevé que as redes e servizos de telecomunicacións e determinadas infraestruturas dixitais sexan cualificados como instalacións e servizos de carácter esencial en situacións de emerxencia, de xeito que nunha emerxencia todas as autoridades, órganos administrativos e fozas e corpos de seguridade do Estado colaborarán e contribuirán para facilitar súa recuperación e mantemento”, afirma Rodríguez Villarino. Asemade, tamén apunta que dito texto “propón obrigas que afectarán, entre outros, aos operadores de telecomunicacións en España, que deberán presentar un Plan Xeral de Seguridade con análises de riscos e medidas prioritarias, así como plans específicos por tipo de rede, servizo e incidente”.
Por outra banda, o firme compromiso do Goberno de España coa mellora da conectividade acredítase cos programas que está a desenvolver o Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública, sendo exemplo destes en Ourense o despregue de banda ancha do Proxecto UNICO Banda Ancha, dotado de 923.483 €, realizado por AVATEL TELECOM, S. A. e cun remate previsto o 31 de decembro deste ano, e o programa UNICO-5G Activas, que busca proporcionar cobertura 5G cunha velocidade mínima de 100 Mbps para o enlace descendente e 5 Mbps para o enlace ascendente, que están a executalo TELEFÓNICA MÓVILES, S. A., cun importe de 1.078.315,28 €, e ORANGE SPAGNE, S. A., cun importe de 3.605.321,46 €, prevéndose o remate de ambos o 17 de febreiro de 2026. A próxima construción de arredor dun millar de estacións móbiles de 5G en Galicia, cun custe estimado de 70 millóns de euros e finalización ao rematar 2026, é unha proba máis do apoio do Goberno do Estado ás telecomunicacións na nosa terra.
Máis aló deste proxectos, debe subliñarse que en España existe conexión fixa de alo menos 100 Mbps, con independencia do lugar onde se viva, ben con fibra ou ben mediante satélite, grazas ao desenvolvemento de programas como UNICO Banda Ancha e UNICO Demanda Rural (Conectate35), que posibilitan a eliminación da fenda de conectividade fixa urbano-rural.
“O Goberno socialista de España ten levado a práctica e financiado con abundantes fondos públicos numerosos proxectos, e continuará facéndoo”, subliña Villarino. Algunhas convocatorias aínda están en marcha, finalizando súa execución ao acabar este ano ou en 2026, arrancando varias dende 2022. Por iso, a foto actual dos mapas de cobertura de fibra, 5G ou Redes Blackhaul que data de 2024 ou de anualidades anteriores e, polo tanto, provisional e inferior ao seu desenvolvemento real actual, que seguirá a medrar con novas convocatorias de axudas, como a publicada o pasado 9 setembro do ano en curso.
“Queda moito por facer, mais a inminente aprobación do “Real Decreto sobre seguridade e resiliencia das redes e servizos de comunicacións electrónicas” outorgará a seguridade xurídica que se precisa para garantir o acceso a internet en situacións de emerxencia coma os incendios, mentres que a implicación do Goberno Progresista de España, xunto co resto de Administracións Públicas autonómicas, provinciais e locais, e os operadores de telefonía e telecomunicacións, contribuirá a acadar o obxectivo de cobertura universal de internet e demais telecomunicacións que é esencial para a sociedade ourensá, galega e estatal”, conclúe o senador, Rafael Rodríguez Villarino.

