concellos Deputación de Ourense INICIATIVAS

O PP bloquea unha iniciativa socialista que reclamaba un plan estratéxico de servizos sociais na provincia

O PP VOTA CONTRA A SÚA PROPIA ENMENDA DE ADICIÓN E REXEITA A MOCIÓN SOCIALISTA A PROL DUN PLAN ESTRATÉXICO DE SERVIZOS SOCIAIS E O SAF

Os populares cometen un erro inédito ao votar a favor de engadir un punto de acordo propio á moción socialista, pero logo votar en contra desta, indo contra a súa propia proposta

Álvaro Vila denuncia que o presidente Menor ten cartos para a remodelación do estadio O Couto pero non para os servizos sociais dos concellos, evidenciando claramente as prioridades do PP.

Os socialistas láianse que o voto en contra do PP deixe aos concellos solos fronte ao afogamento económico que supón sufragar unha competencia que non lles é propia como o Servizo de Axuda no Fogar

Ourense, 19 de decembro de 2025. O Pleno da Deputación de Ourense rexeitou este venres a moción do Grupo Provincial Socialista sobre servizos sociais por mor do voto en contra do Partido Popular, nun debate marcado por un erro gravísimo do grupo de goberno que evidenciou descoordinación e descoñecemento do funcionamento institucional básico. O PP presentou unha enmenda de adición á moción socialista, engadindo un cuarto punto de acordo propio sen cuestionar o contido da iniciativa do PSdeG-PSOE, pero logo votou en contra de toda a moción, votando así contra a súa propia enmenda nun feito sen precedentes na historia recente da corporación provincial.

«O que vimos hoxe no pleno é unha demostración palmaria da descoordinación do grupo de goberno. Presentan unha enmenda de adición á nosa moción, engadindo un punto de acordo propio, o que significa que non cuestionan o contido da nosa iniciativa, pero logo van en contra”, explica Vila. Segundo salienta o voceiro socialista e secretario provincial do PSdeG-PSOE, “o PP votou contra a súa propia enmenda, contra a súa proposta. Isto non ten explicación e demostra o desleixo cara o traballo do resto dos grupos, unha falta de coordinación interna alarmante e un descoñecemento absoluto do funcionamento institucional «.

Vila defendeu durante o Pleno a necesidade urxente de que a Deputación de Ourense elabore un Plan Estratéxico Provincial de Servizos Sociais, seguindo o exemplo doutras deputacións como as da Coruña e Lugo, e incremente de xeito substancial o financiamento destinado ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). «Os concellos ourensáns asumen case un 30% do custo do SAF con recursos propios, mentres a Xunta de Galicia só cobre pouco máis dun cuarto, incumprindo as súas competencias exclusivas en servizos sociais. Fronte a esta situación de afogamento económico, esiximos que a Deputación asuma un papel máis activo e ambicioso», argumentou Vila durante a súa intervención.

As prioridades do PP: O Couto si, servizos sociais non

O voceiro socialista denunciou a contradición flagrante nas prioridades do grupo de goberno. «O presidente Menor comprometeuse publicamente a poñer os cartos necesarios para que, en colaboración coa Xunta, o estadio de O Couto de Ourense se poña ao nivel que precisa. Pero hoxe, durante o debate desta moción, argumentou que non hai recursos para reforzar o financiamento dos servizos sociais nos concellos. As prioridades do Partido Popular están absolutamente claras: hai cartos para o estadio, pero non para os nosos maiores», denunciou Vila con dureza.

O líder do PSdeG-PSOE ourensán insistiu en que a moción presentada polo seu Grupo incluía tres propostas de acordo concretas e absolutamente razoables. «Pedimos elaborar un Plan Estratéxico Provincial de Servizos Sociais que estableza obxectivos cuantificables e liñas prioritarias de actuación, incrementar de xeito substancial o financiamento destinado ao SAF nos concellos de menos de 20.000 habitantes establecendo achegas estables e plurianuais, e instar á Xunta a cumprir coa obriga legal de elaborar o Plan Estratéxico de Servizos Sociais de Galicia. Son propostas de sentido común que beneficiarían directamente aos nosos concellos e á veciñanza máis vulnerable», subliñou o voceiro.

Vila laiouse que o voto en contra do PP deixe aos concellos da provincia completamente solos fronte ao afogamento económico que supón o financiamento do SAF. «Transcorridos 16 anos desde a aprobación da Lei de Servizos Sociais de Galicia, a comunidade segue sen contar sequera co seu primeiro plan estratéxico. Galicia é practicamente a única comunidade autónoma de España que carece deste instrumento básico de planificación, nun incumprimento legal reiterado que evidencia o desleixo da Xunta polo sistema galego», criticou o secretario provincial do PSdeG-PSOE.

«Mentres outras deputacións como a da Coruña, que destina 8,7 millóns de euros ao SAF, ou Lugo, que achega 3,3 millóns, a Deputación de Ourense mantense á marxe desta emerxencia social. O SAF é esencial nunha das provincias máis envellecidas do estado. Os nosos maiores merecen un servizo digno e de calidade, e os nosos concellos merecen o respaldo da institución provincial. O voto en contra do PP hoxe é un voto contra os concellos ourensáns e contra as persoas maiores da nosa provincia», concluíu Álvaro Vila.