concellos Sanidade Xunta

O centro de saúde de Maceda queda sen médicos en pleno Nadal

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE O CENTRO DE SAÚDE DE MACEDA QUEDARÁ DURANTE O DÍA DE HOXE E MAÑÁ SEN FACULTATIVOS QUE PRESTEN ATENCIÓN Á VECIÑANZA

As socialistas consideran que “estamos ante unha irresponsabilidade total por parte da xerencia da área sanitaria de Ourense” e acusan ao PP de “proseguir co seu desmantelamento de servizos sanitarios no rural”

Uxía Oviedo explica que “o venres pasado soubemos pola veciñanza que tanto hoxe luns, como mañá martes, non teriamos ningún medico no centro de saúde” e relata que “primeiro non obtivemos respostas e pouco despois só obtivemos malas contestacións”

Carmen R. Dacosta considera que “isto é un exemplo máis do abandono do rural na provincia de Ourense por parte da Xunta, situación que non se pode permitir, pois estamos ante unha irresponsabilidade moi grande”

Maceda, 29 de decembro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o centro de saúde de Maceda quedará durante o día de hoxe e o de mañá sen facultativos que atendan á veciñanza, por mor da “falla total” de planificación do goberno galego. As e os socialistas consideran que “estamos ante unha irresponsabilidade total por parte da xerencia da área sanitaria de Ourense” e acusan ao PP de “proseguir co seu desmantelamento de servizos sanitarios no rural”.

Esta mañá, a deputada no Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, e a alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo de Dios, e o concelleiro, José Vallina, ofreceron unha rolda de prensa para dar conta da “gravísima” situación na que quedou o concello de Maceda durante o día de hoxe e o de mañá, cando non poderá contar con médicos para atender á veciñanza no centro de saúde. As socialistas critican que en pleno Nadal, cando a poboación de Maceda aumenta pola chegada de familias que regresan ao municipio “é inadmisible que o centro de saúde quede sen facultativos, obrigando á poboación a desprazarse ata outros centros da contorna ou incluso ata Ourense”.

A alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo de Dios, explica que “o venres pasado soubemos a través da veciñanza que tanto hoxe luns como mañá martes non teríamos ningún medico no centro de saúde”. Neste senso a rexedora destaca que durante toda a fin de semana “chamamos a dirección da área sanitaria para que nos aclarasen a situación”, pero tal e como relata “primeiro non obtivemos resposta e posteriormente obtivemos malas palabras”.

A rexedora pregúntase “cal é a razón para non darnos información sobre a xestión dos médicos no centro de saúde de Maceda?” e apunta a que “non sabemos se que non nos queren dar esa información ou que directamente non a poden dar”. Uxía Oviedo considera que esta situación “é de extrema gravidade, unha irresponsabilidade total e unha falla de respecto cara a cidadanía do rural”.

Pola súa banda, a deputada no Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE, Carmen Rodríguez Dacosta, fai fincapé en que as e os socialistas “levamos tempo advertindo que a atención primaria estase desmantelando” e pon o foco en Maceda “que é un exemplo claro deste desmantelamento, coa veciñanza quedando sen médico en pleno pico da gripe”. A parlamentaria socialista considera que “isto é un exemplo máis do abandono do rural na provincia de Ourense por parte da Xunta, situación que non se pode permitir, pois estamos ante unha irresponsabilidade moi grande”.

Rodríguez Dacosta anuncia que o PSdeG presentará unha batería de iniciativas parlamentarias ao respecto para pedir “solucións urxentes para a provincia, a atención Primaria e neste caso para Maceda”. A deputada socialista considera que “non se pode abandonar así á veciñanza” e subliña que “nunha provincia cunha dispersión xeográfica tan grande, estas decisións son un golpe mortal para o rural”.