concellos Denuncias

O GMS de Barbadás esixe a dimisión inmediata do alcalde por ocultar un presunto acoso sexual

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DE BARBADÁS ESIXE A DIMISIÓN “INMEDIATA” DO ALCALDE POR ENCUBRIR E OCULTAR UN PRESUNTO CASO DE ACOSO SEXUAL

As concelleiras socialistas sinalan que o alcalde “non ten a autoridade moral para liderar o concello”, acúsano de gobernar “dende a hipocrisía e a falla total de principios morais e éticos” e destacan que “nós non imos branquear o acoso”

Victoria Morenza fixo fincapé, durante a súa intervención, que as cinco concelleiras socialistas “estaremos unha e mil veces a carón das vítimas, desta vítima e das mulleres que dan o paso e denuncian”, de igual maneira tamén apuntou que “estaremos do lado da igualdade, dos principios universais, do respecto e a dignidade, dos dereitos fundamentais e dos valores democráticos”

Aclarou que “non tomamos medidas antes, sabedoras do que acontecía, porque respectamos os tempos da vítima, pero si que puxemos en coñecemento do alcalde a situación, que tomou unhas medidas inadecuadas, que provocaron que a vítima acabase por ter que pedir unha baixa psicolóxica do 14 de agosto de 2024 ao 22 de xaneiro de 2025”

“Non era digno seguir cun goberno que traizoou os principios que representamos, cun alcalde que carece de credibilidade e moralidade e que, polo tanto, non podemos perpetuar”, subliñou

Barbadás, 30 de decembro do 2025. O Grupo Municipal Socialista de Barbadás esixe a dimisión “inmediata” do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, por encubrir e ocultar un presunto caso de acoso sexual cometido por un ex concelleiro contra unha militante socialista. As concelleiras socialistas sinalan que o alcalde “non ten a autoridade moral para liderar o concello”, acúsano de gobernar “dende a hipocrisía e a falla total de principios morais e éticos” e destacan que “nós non imos branquear o acoso”.

Barbadás celebrou hoxe un pleno extraordinario, no que entre outros asuntos, se deu conta dos sucesos acontecidos ao longo dos últimos meses, tras coñecerse un presunto caso de acoso sexual por parte dun ex concelleiro socialista, que o rexedor tapou e cubriu. As concelleiras socialistas apuntan que durante ese tempo, a vítima deste acoso, sufriu “presuntas coaccións e un trato intimidatorio por parte do rexedor”. A gota que colmou o vaso foi o manifesto impulsado polo rexedor contra o acoso sexual, así como unha entrevista nun medio de comunicación na que afirmaba que “hai que erradicar estas actitudes, apoiar as mulleres sempre que haxa coñecemento, pedir tolerancia cero e esixir que aqueles que cometen estes acto sexan consecuentes e deixen os seus cargos públicos”. Esta situación provocou que a vítima decidise dar o paso e denunciar.

A voceira socialista en Barbadás, Victoria Doforno Morenza, fixo fincapé durante a súa intervención que as cinco concelleiras socialistas “estaremos unha e mil veces a carón das vítimas, desta vítima e das mulleres que dan o paso e denuncian”, de igual maneira tamén apuntou que “estaremos do lado da igualdade, dos principios universais, do respecto e a dignidade, dos dereitos fundamentais e dos valores democráticos”. Neste senso afirmou que “contra o acoso, tolerancia cero”.

Morenza Doforno tamén relatou os motivos polos que as cinco concelleiras socialistas tomaron o paso de abandonar o goberno municipal, aclarando que “demos este paso ante unha posible vulneración do principio básico de seguridade da vítima, que sufriu un acoso sexual, situación ante a que o alcalde non tomou medidas e a intervención contra o presunto acosador demorouse no tempo”. A voceira socialista tamén aclarou que “non tomamos medidas antes, sabedoras do que acontecía, porque respectamos os tempos da vítima, pero si que puxemos en coñecemento do alcalde a situación, que tomou unhas medidas inadecuadas, que provocaron que a vítima acabase por ter que pedir unha baixa psicolóxica do 14 de agosto de 2024 ao 22 de xaneiro de 2025”.

A edil socialista tamén lembrou que o presunto acosador “foi lobado polo alcalde na súa despedida”, algo que para a vítima “foi un cúmulo máis de circunstancias, que provocaron que se desencadearan os feitos posteriores”. Victoria Morenza aproveitou a súa intervención para recalcar que “o máis importante é apoiar a vítima, que se atopa nunha situación de indefensión e vulnerabilidade, por riba de calquera cargo político ou interese doutro tipo”. Do mesmo xeito, puxo o foco en que “non é momento de andar de rodaxe na televisión, nin aproveitar a primeira alcachofa que che poñen para facer declaracións, senón que é o momento de apoiar e estar a carón da vítima”.

“A vítima fala sempre de presuntas coaccións e trato intimidatorio por parte do alcalde”, apuntou Morenza, antes de afirmar que “as cinco concelleiras socialistas, nais de familia, actuamos con coherencia, dignidade e valentía e non quixemos agardar a ser cesadas para deixar o goberno, posto que se traizoaron uns valores que tanto defendemos”. Asemade a voceira socialista lembrou que “somos a maioría do grupo socialista con 5 concelleiras fronte a dous e representamos o voto socialista en Barbadás”, sinalando tamén que “polo interese xeral de Barbadás e por dignidade, deixamos o goberno municipal”.

“Non era digno seguir cun goberno que traizoou os principios que representamos, cun alcalde que carece de credibilidade e moralidade e que, polo tanto, non podemos perpetuar”, subliñou Morenza Doforno. Neste senso tamén recalcou que o alcalde “advertiunos, unha e outra vez, que non se podía dicir nada sobre o presunto caso de acoso sexual, que nos cesaría se falábamos” e lembrou que posteriormente o rexedor “dedicou frases desafortunadas contra a vítima, falando do que ía a vivir, e con cuestións moi dolorosas e irrespectuosas, que provocaron que a vítima sufrira sucesivos episodios traumáticos, momentos laborais complicados e viuse incapaz anímica e psicoloxicamente naquel momento de dar o paso e denunciar”. Tamén apunta que cando a vítima decidiu dar o paso e denunciar “nós acompañámola” e trasladou que a vítima “anuncia que en breve tomará decisións sobre a presentación dunha denuncia xudicial”.

No segundo paso de intervención, a voceira socialista esixiulle ao alcalde, tras unhas declaracións anteriores na sesión plenaria do rexedor na que daba nomes e apelidos dunha das mulleres acosadas, que “pida desculpas públicas por facer públicas cuestións da vida privada das persoas”. Morenza Doforno rematou afirmando que “hai máis mulleres que sufriron este mesmo patrón de acoso por parte deste ex concelleiro, con mensaxes irrespectuosos e inadmisibles”.

Cronoloxía dos feitos

O 1 de agosto de 2024, Victoria Doforno e Ana Belén Peleteiro comunícanlle ao alcalde unha situación de presunto acoso sexual. Avisan a vítima, que se reúne co rexedor e as concelleiras e analizan a información contida nas mensaxes que recibiu a vítima por parte do ex concelleiro socialistas. O alcalde non move un só dedo.

Non se toma ningún tipo de medida por parte do alcalde, que ao día seguinte, o 2 de agosto, expón a vítima a compartir unha fotografía co presunto acosador, na presentación dun equipo de fútbol feminino. Aparece a vulnerabilidade novamente, ao ter a vítima que estar a carón do seu presunto acosador. O alcalde desaproveita a oportunidade de falar con este ex concelleiro para que aclare a situación.

O 14 de agosto á vítima danlle a baixa ata o 22 de xaneiro.

O 6 de setembro, máis dun mes despois de que o alcalde teña constancia do presunto acoso sexual, o concelleiro en cuestión dimite e marcha entre loubanas e boas palabras do rexedor.

O 11 de setembro, o alcalde, a pesar de que a vítima está de baixa, envíalle audios.

O 1 de outubro, o rexedor volve chamar a vítima.

O 31 de outubro, nova chamada do alcalde a vítima para lembrarlle as súas obrigas de acudir ao pleno, a pesar de estar de baixa.

O 12 de decembro de 2025 sae o comunicado do alcalde tras o caso de Monforte de Lemos pedindo dimisións ante os presuntos casos de acoso sexual.

O 15 de decembro a vítima decide presentar denuncia na canle interna do partido.