AS SOCIALISTAS INSISTEN EN QUE A IMPROVISACIÓN NA SUPRESIÓN DA ORA NON É VALENTÍA POLÍTICA E DEIXA A OURENSE SOMERXIDA NO CAOS E SEN ALTERNATIVAS DE MOBILIDADE E APARCADOIRO
“O que antes funcionaba como sistema de rotación converteuse nun aparcamento permanente”, advirten, o que se traduce en máis vehículos dando voltas, máis atascos, máis contaminación e máis tempo perdido
Ademais, segue sen coñecerse publicamente o impacto nos traballadores e traballadoras que terá esta medida malia a ter preguntado por elo, o grupo do PSdeG, en numerosas Xuntas de Área e plenos municipais
Ourense, 2 de xaneiro de 2026. Dende o grupo municipal socialista do Concello de Ourense sinalan que a supresión da ORA “non foi unha medida pensada nin planificada”, senón “unha ocorrencia propagandística cuxas consecuencias estamos sufrindo xa na rúa”. O resultado para as edís do PSdeG é claro: caos no tráfico, desorde urbano e un prexuízo directo para milleiros de persoas.
Destacan entre eses prexuizos o primeiro o tráfico. “O que antes funcionaba como sistema de rotación converteuse nun aparcamento permanente”, advirten. O que se traduce en máis vehículos dando voltas, máis atascos, máis contaminación e máis tempo perdido. “Non hai menos problemas: hai máis, porque unha cidade non se pode xestionar a golpe de titular”, critican sobre a improvisación do grupo de goberno.
O segundo prexuizo reseñable para as socialistas é a ausencia absoluta de alternativas ante a supresión do servizo. “Elimínase a ORA sen crear aparcadoiros disuasorios, sen reforzar o transporte público e sen ofrecer ningunha solución real, o que nos parece tremendamente irresponsable e pouco serio”, engaden.
Ademais, segue sen coñecerse publicamente o impacto nos traballadores e traballadoras que terá esta medida malia a ter preguntado por elo, o grupo do PSdeG, en numerosas Xuntas de Área e plenos municipais. “Pode cualificarse como unha falta de respecto aos dereitos laborais que deixa a estas persoas no limbo. A ORA podía mellorarse, claro está, pero garantía acceso e rotación de vehículos”, sopesan.
Como cuarto prexuizo as socialistas inciden no feísmo urbano que deriva de tomar decisións sen planificación nin plan B. “Agora atopámonos parquímetros abandonados, sinais contraditorias ou inexistentes, marcas no chan que xa non significan nada, unha cidade máis fea, máis caótica e máis deixada. Se se toma unha decisión, polo menos que se execute con rigor”, lamentan.
En conclusión, entenden que a ausencia de planificación, alternativas, respecto pola mobilidade e o coidado do espazo público pasará factura aos e ás ourensás. “Suprimir a ORA deste xeito non é valentía política, é deixar Ourense ao albor do desorde. E merecemos moito máis que este despropósito”, rematan.

