Concello de Ourense Mobilidade PSdeG

Reclamamos solucións xustas para os e as traballdoras do servizo da ORA

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA ACOMPAÑA AOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DA ORA E RECLAMA SOLUCIÓNS XUSTAS TRALA SUPRESIÓN IMPROVISADA DO SERVIZO

Ourense, 8 de xaneiro de 2026. O grupo do PSdeG no Concello de Ourense traslada publicamente o seu apoio aos traballadores e traballadoras da ORA afectados pola eliminación do servizo, unha decisión adoptada polo goberno municipal sen planificación, sen diálogo e sen avaliar as consecuencias humanas, laborais e urbanas que hoxe xa se están a sufrir na terceira cidade de Galicia.

As edís do grupo socialista mantiveron un encontro cos empregados e empregadas despedidas para coñecer de primeira man a súa situación e expresarlles o compromiso firme do grupo coa defensa dos seus dereitos. “Non estamos a falar só dun cambio no modelo de mobilidade, estamos a falar de persoas concretas ás que se lles deu as costas dun día para outro”, sinala a voceira do PSdeG, Natalia González.

“O executivo local tomou unha decisión unilateral sen pensar nin na cidade nin na xente. Non se pode suprimir un servizo público sen ofrecer alternativas e, moito menos, deixar aos seus empregados e empregadas nunha situación de absoluta incerteza”, subliña González que lembra, ademais, que moitas destas persoas levan décadas prestando servizo en Ourense.

As socialistas recordan, como xa fixeron a semana pasada nunha nota de prensa, que advertiron reiteradamente, tanto en plenos como en Xuntas de Área, da necesidade de planificar calquera cambio na ORA e de aclarar que ía acontecer cos postos de traballo asociados ao servizo. “Preguntamos, insistimos e reclamamos información, pero a resposta sempre foi o silencio ou a evasiva”, denuncian.

Consideran as edís que a ORA era un sistema mellorable, pero necesario para garantir a rotación, o acceso ao centro e unha mobilidade máis ordenada. “Eliminar a ORA sen aparcadoiros alternativos, sen reforzar o transporte público e sen un plan serio de mobilidade non é modernizar a cidade, é sumila na desorde máis absoluta”, engaden.

Por todo isto, o grupo municipal socialista esixe ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que asuma a súa responsabilidade e poña enriba da mesa solucións inmediatas para os e as afectados, explorando vías de recolocación e medidas que garantan unha saída digna tras anos de servizo público.

“Gobernar é prever, dialogar e coidar ás persoas. O que está a acontecer coa ORA é xusto o contrario e Ourense non merece este trato nin este abandono”, conclúe a portavoz do PSdeG.