O PSDEG-PSOE DE OURENSE AMOSA O SEU “ROTUNDO” RESPALDO E APOIO AOS AGRICULTORES E GANDEIROS DA PROVINCIA E PÍDELLE AO PP QUE “ABANDONE A DEMAGOXIA” E SE POÑA A TRABALLAR DENDE A XUNTA DE GALICIA PARA ATENDER AS REIVINDICACIÓNS
As e os socialistas destacan que nos últimos días trasladóuselle tanto ao Goberno do Estado como a Xunta de Galicia as reivindicacións do sector, logo da reunión mantida polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e do subdelegado do Goberno, Eladio Santos
Dende o PSOE de Ourense poñen en valor o compromiso das e dos socialistas co sector primario e sinalan que “estamos traballando conxuntamente, cun clima positivo e analizando polo miúdo a situación na procura de solucións”
Pregúntanlle aos alcaldes populares “se van tamén apoiar agora as manifestacións do sector diante das sedes da Xunta de Galicia ou se ao ser un goberno da súa cor política, van calar e agachar a cabeza como xa nos teñen acostumados noutras situacións”
Ourense, 9 de xaneiro do 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu “rotundo” respaldo e apoio aos agricultores e gandeiros da provincia, así como ao sector primario. As e os socialistas destacan que nos últimos días trasladóuselle tanto ao Goberno do Estado como a Xunta de Galicia as reivindicacións do sector, logo da reunión mantida polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e do subdelegado do Goberno, Eladio Santos, con representantes do sector.
Dende o PSOE de Ourense poñen en valor o compromiso das e dos socialistas co sector primario e sinalan que “estamos traballando conxuntamente, cun clima positivo e analizando polo miúdo a situación na procura de solucións”. As e os socialistas entenden e comparten “gran parte das inquedanzas trasladas polo sector” e destacan que “ao día seguinte da reunión mantida polo delegado e o subdelegado do Goberno co sector, deuse traslado das reivindicacións a través dunha carta tanto ao Goberno central, a través do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como a Xunta de Galicia”.
O PSdeG-PSOE ourensán acusa ao PP de “estar instaurado na demagoxia constante”, en referencia as últimas manifestacións realizadas polos cargos populares. Neste senso, as e os socialistas pregúntanlle aos alcaldes populares “se van tamén apoiar agora as manifestacións do sector diante das sedes da Xunta de Galicia ou se ao ser un goberno da súa cor política, van calar e agachar a cabeza como xa nos teñen acostumados noutras situacións”.
As e os socialistas tamén poñen en valor o compromiso do Goberno con agricultores e gandeiros da provincia e destacan que “xa se deu traslado dunha solicitude para a mellora do sistema de inspección e control, co fin de garantir o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria, unha ferramenta clave para asegurar prezos xustos e protexer aos produtores”. Asemade tamén fan fincapé en que “a pelota está agora no tellado da Xunta de Galicia, que ten que reforzar as inspeccións veterinarias”.
“Apoiamos a petición de vacinación preventiva do gando bovino fronte á dermatosis nodular e outras enfermidades, tal e como nos trasladaron os representantes do sector”, apuntan as e os socialistas, que apuntan a que “é unha demanda que levaremos as institucións europeas e a reforzar a prevención e a seguridade sanitaria do sector”.
O PSdeG-PSOE de Ourense tamén pon en valor que a reunión mantida esta semana “foi moi positiva e permitiunos, a través do diálogo, escoitar as súas reivindicacións e trazar liñas de traballo de forma conxunta para chegar a acordos que beneficien ao sector”. Por último, as e os socialistas tamén se suman as demandas do ministro, Luís Planas, “para que o sector dispoña, polo menos, do mesmo nivel de financiación das PAC que no período anterior, mediante un sistema claro e comprensible para os agricultores”.

