Concello de Ourense PSdeG urbanismo

Celebramos que o executivo de Jácome atenda as nosas peticións para cambiar o parque canino de Barrocás

AS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE CELEBRAN QUE O EXECUTIVO DE JÁCOME ATENDA AS SÚAS PETICIÓNS PARA CAMBIAR O EMPRAZAMENTO DO PARQUE CANINO DE BARROCÁS

Malia que cando as edís do PSdeG preguntaron en Xunta de Área por este asunto o goberno municipal respondeu que non se contemplaba, consideran unha boa nova que muden a súa decisión ante o malestar veciñal

O importante é que se corrixa unha decisión que non contaba co consenso do barrio. O tempo demostrou que as nosas advertencias ían na boa dirección”, afirma Natalia González, portavoz do PSdeG

Ourense, 10 de xaneiro de 2025. O grupo municipal socialista celebra que o Concello de Ourense atenda as súas reiteradas peticións rectificando co parque canino de Barrocás e esixe transparencia ao executivo local sobre a nova localización do mesmo. E inciden en que a decisión que chega tras as advertencias realizadas polo PSdeG e o rexeitamento expresado pola veciñanza da zona.

Dende o primeiro momento, as socialistas trasladaron ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome a necesidade de escoitar á veciñanza antes de consolidar un emprazamento que xeraba un claro malestar social. Esta preocupación foi exposta tamén na Xunta de Área de Urbanismo do mes pasado, onde a voceira do PSOE, Natalia González, preguntou expresamente pola posibilidade de buscar unha alternativa.

Tal e como recolle a acta da reunión de decembro do órgano colexiado, a resposta do executivo foi que non se contemplaba ningún cambio de lugar. Porén, poucos días despois, o propio alcalde anunciou publicamente que o parque canino non se situará, finalmente, no parque Angelita Paradela, recoñecendo a necesidade de atopar unha mellor localización.

“O importante é que se corrixa unha decisión que non contaba co consenso do barrio. O tempo demostrou que as nosas advertencias ían na boa dirección”, afirma Natalia González, portavoz do PSdeG.

As socialistas consideran agora imprescindible que o Concello dea explicacións claras e públicas sobre cal será o novo emprazamento proposto, se este cambio altera o financiamento comprometido pola Xunta de Galicia e se a Xunta, pola súa banda, acepta a nova alternativa que propoña a Administración local.

“O Concello ten a obriga de explicar onde se vai situar finalmente o parque canino e se este cambio garante o mantemento do financiamento do executivo autonómico. A transparencia non é opcional cando se trata de actuacións que afectan directamente á convivencia dos e das ourensás”, sinala.

Ademais, dende o PSOE lembran que este proxecto, anunciado en novembro de 2025, debe desenvolverse con planificación, diálogo e transparencia, garantindo a convivencia veciñal e o correcto uso dos espazos públicos.