AS SOCIALISTAS RECLAMAN UN PLAN DE APARCAMENTO E MELLORA DA MOBILIDADE E A REHABILITACIÓN INTEGRAL E RECUPERACIÓN DA ALAMEDA DO CONCELLO COMO ESPAZO PÚBLICO PARA A VECIÑANZA DE OURENSE
“A entrada en vigor da ZBE a finais de decembro de 2025 e a eliminación da ORA a principios deste ano engadiu máis desconcerto e caos ao modelo de transporte urbano imposto polo alcalde, con atascos que se incrementan en días de choiva”, expón a voceira do PSdeG, Natalia González
“Nos últimos meses escoitamos a algúns empregar a recuperación da Alameda como arma política, atacando aos praceiros e praceiras e bloqueando a rehabilitación da Praza de Abastos nº1. A Alameda non pode seguir sendo unha arma populista nin unha escusa”, afirmou
Ourense, 12 de xaneiro de 2026. En materia de mobilidade as socialistas amósanse contundentes: o executivo de Gonzalo Pérez Jácome suspende mentres deixa a cidade inmersa nun caos que vai en aumento. “Prohibir, retirar e improvisar, ese é o modelo de mobilidade do alcalde. A mobilidade en Ourense é hoxe o resultado directo da improvisación do goberno municipal”, lamentou a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González.
Sinalou, neste senso, que a entrada en vigor da Zona de Baixas Emisións a finais de decembro de 2025 e a eliminación da ORA a principios deste ano engadiu máis desconcerto á cidadanía pola escasa información facilitada e máis descontrol viario con atascos que se incrementan en días de choiva. “Se engadimos á ecuación o modelo de transporte urbano, imposto polo rexedor a golpe de debuxos con rotulador, o resultado é claro: máis tráfico de procura, máis contaminación, máis tempo perdido, máis prexuízos para residentes e comercio”, analizou en rolda de prensa ante os medios de comunicación.
«O Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) existe, está aprobado e marca o camiño. O problema é que o goberno municipal decidiu non executalo”, puntualizou. Así as cousas, as socialistas defenderán no pleno ordinario de xaneiro unha iniciativa para esixir, con carácter urxente, un plan de aparcamento e mellora da mobilidade, con medidas concretas e inmediatas como aparcadoiros disuasorios e modulares, a habilitación de solares públicos e privados, sistemas intelixentes de estacionamento para residentes, microhubs urbanos de distribución ou a eliminación do feísmo urbano xerado pola supresión da ORA e os parquímetros abandonados nas rúas.
Tamén solicitan con outra moción q recuperación e rehabilitación da Alameda como espazo de uso público para todas as ourensás e ourensáns. “Nos últimos meses escoitamos a algúns empregar a recuperación da Alameda como arma política, atacando aos praceiros e praceiras e bloqueando a rehabilitación da Praza de Abastos nº1. A Alameda non pode seguir sendo unha arma populista nin unha escusa para non facer nada. Trátase dun espazo emblemático que hoxe segue secuestrado pola mala planificación”, incidiu a portavoz do PSdeG e secretaria xeral do partido na cidade.
“É imprescindible pechar esta etapa de provisionalidade cronificada, garantir unha solución definitiva para a actividade da Praza de Abastos e acometer unha recuperación integral da Alameda, devolvéndolle o seu carácter de espazo público aberto, verde e de convivencia cidadá”, defendeu ante os e as xornalistas.
Así as cousas, o texto rexistrado insta ao goberno municipal a que proceda á redacción dun proxecto integral de rehabilitación da Alameda do Concello que inclúa, como mínimo, a reparación dos danos ocasionados pola ocupación prolongada, a recuperación do xardín histórico e das zonas verdes, a renovación do mobiliario urbano, a mellora da iluminación, da accesibilidade e da seguridade, todo elo baixo criterios de sostibilidade ambiental e conservación patrimonial.
Tamén insta ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome a dotar orzamentariamente nos vindeiros presupostos municipais as actuacións necesarias para executar dito proxecto de rehabilitación, garantindo en todo momento os procesos de información, transparencia e participación cidadá no deseño e execución da recuperación da Alameda.

