O PSDEG-PSOE ESIXE RECUPERAR O PROXECTO DE SOTERRAMENTO DA AVENIDA OTERO PEDRAYO EN OURENSE FRONTE AOS «PARCHES» DA XUNTA E O CONCELLO
Os socialistas critican que o convenio de 340.000 euros para crear un «refuxio climático» na zona pecha a oportunidade de acometer unha transformación estrutural reclamada desde hai tres décadas
Álvaro Vila reclama ao alcalde de Ourense e ao presidente da Deputación que «non se conformen con migallas» e impulsen o soterramento da Avenida para integrar o Campus Universitario
O Grupo Provincial Socialista pide ratificar o compromiso que a Deputación adquiriu en 2023 e crear unha comisión interinstitucional que estableza un calendario concreto de actuacións
Ourense, 13 de xaneiro de 2025. O voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense, Álvaro Vila, acompañado da deputada Marina Vaz, presentou na propia Avenida Otero Pedrayo unha moción que levará ao próximo pleno da institución provincial na que esixe recuperar o proxecto de soterramento desta vía para integrar o Campus Universitario e acabar cunha barreira urbana nun dos eixos de maior densidade de tráfico da cidade. Os socialistas critican que o convenio asinado o pasado 7 de xaneiro entre o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia para investir 340.000 euros en crear un «refuxio climático» na zona con novas árbores e pavimentos sexa «insuficiente» e «peche durante anos a oportunidade de acometer unha transformación estrutural que a cidadanía ourensá reclama desde hai máis de tres décadas».
Álvaro Vila denunciou que «fai uns días a conselleira achegouse a Ourense para vendernos un investimento en teoría importante: unhas árbores para facer un refuxio climático aquí, cando o que fai falta, e o que reivindicamos os socialistas hai anos, é o soterramento da avenida para comunicar as dúas zonas do campus e o futuro edificio administrativo da Xunta de Galicia». O portavoz socialista reclamou ao alcalde Gonzalo Pérez Jácome e ao presidente da Deputación Luis Menor que «non se conformen con migallas e reivindiquen o soterramento da Avenida Otero Pedrayo para beneficio de toda a cidadanía de Ourense». Vila subliñou que «mentres outras cidades avanzan na ‘pacificación’ do tráfico e a integración dos campus universitarios, Ourense mantense atrapada nunha dinámica de parches e solucións provisorias que hipotecan o seu futuro».





A moción socialista recupera o compromiso adquirido en 2023 polo presidente da Deputación, Luis Menor, quen daquela manifestou publicamente o seu apoio ao proxecto de soterramento impulsado polo alcalde ourensán, que solicitaba a colaboración das tres administracións para executar as obras. Porén, o proxecto quedou paralizado ao non asumir a Xunta de Galicia compromisos económicos firmes.
Ratificar o compromiso de 2023
A moción socialista inclúe catro propostas de acordo: ratificar o compromiso institucional adquirido pola Deputación de Ourense en setembro de 2023 para apoiar o proxecto de soterramento; instar ao Concello a impulsar de xeito urxente os estudos técnicos e de viabilidade necesarios para definir o alcance exacto da actuación; solicitar formalmente á Xunta de Galicia que asuma o seu compromiso económico coa execución do proxecto; e crear unha comisión de traballo interinstitucional integrada por representantes da Deputación, Concello, Xunta e Universidade de Vigo que estableza un calendario de actuacións concreto e garanta a transparencia e o seguimento público do proceso.
O soterramento da Avenida Otero Pedrayo é unha reivindicación histórica que se remonta á década de 1990 e que xa se recollía no plan «A Porta de Galicia» de 2008, avalado pola Universidade de Vigo como un dos proxectos máis importantes da década. O proxecto permitiría soterrar o tráfico rodado nun tramo duns 800 metros, liberar o espazo en superficie para crear un bulevar peonil con zonas verdes, carrís bici e aparcamentos, e facilitar a permeabilidade entre campus norte e sur, separados pola avenida. Esta intervención, ademais de mellorar a calidade de vida de estudantes e veciños, revalorizaría unha zona estratéxica na que a Xunta prevé construír o seu novo complexo administrativo.
Álvaro Vila afirmou que «a Deputación de Ourense, como institución supramunicipal con capacidade de liderado, ten a obriga de non limitar o seu papel a un mero apoio retórico e converter en realidade o compromiso adquirido en 2023 para esixir á Xunta que asuma a súa responsabilidade nunha actuación a prol de toda a provincia». O secretario provincial dos socialistas concluiu que «o soterramento da Avenida Otero Pedrayo non é un capricho, senón unha necesidade estratéxica recoñecida por expertos, reitores, forzas políticas de diferente signo, colectivos sociais e veciñanza que reclaman unha actuación á altura das necesidades da provincia».

