EMIGRACIÓN Executiva Provincial de Ourense

Os retornados de Alemaña verán reducida a súa pensión a partir de xaneiro

O PSDEG-PSOE DE OURENSE INFORMA DE QUE OS EMIGRANTES GALEGOS RETORNADOS DE ALEMAÑA QUE PERCIBEN UNHA PENSIÓN DE XUBILACIÓN OU VIUVEZ EN EXCLUSIVA DO PAÍS TEUTÓN VERÁN REDUCIDA A PARTIR DESTE MES DE XANEIRO A SÚA PENSIÓN

Dende a área de migracións do PSOE ourensán explican que a razón desta situación reside en que, coa entrada do ano 2026, “aumentan as contribucións ao seguro médico e ao seguro de dependencia das chamadas Krankenkassen, as aseguradoras que garanten ter asistencia sanitaria e prestación de dependencia en España”

Teresa Barge explica que “pode ser que algúns retornados non vexan o cambio en xaneiro e febreiro, senón na pensión de marzo” e apunta a que “moitos xa recibiron cartas informativas das Krankenkassen advertíndolles desta nova situación”

Indica asemade que este aumento de contribución “afecta tamén as pensións privadas das empresas a condición de que superen a contía mensual de 197 euros” e fai fincapé en que este límite “mesmo se aplica aos emigrantes residentes en Alemaña que perciben unha pensión española a maiores da alemá oficial”

Ourense, 14 de xaneiro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da secretaría provincial de migracións, informa de que os emigrantes galegos retornados de Alemaña, que perciben única e exclusivamente pensión de xubilación e de viuvez do país xermano e ningunha prestación española equivalente, verán reducida a partir deste mes de xaneiro a súa pensión.

Dende a área de migracións do PSOE ourensán explican que a razón desta situación reside en que, coa entrada do ano 2026, “aumentan as contribucións ao seguro médico e ao seguro de dependencia das chamadas Krankenkassen, as aseguradoras que garanten ter asistencia sanitaria e prestación de dependencia en España”. A media de redución na pensión neta será entre un 3 e un 4 por cento mensual e a aseguradora máis importante, a AOK, sobe a contribución dun 13 a un 17,5 por cento.

Tal e como explica a secretaria provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Teresa Barge Dapía, “pode ser que algúns retornados non vexan o cambio en xaneiro e febreiro, senón na pensión de marzo” e apunta a que “moitos xa recibiron cartas informativas das Krankenkassen advertíndolles desta nova situación”. A responsable da área de migracións do PSOE ourensán indica asemade que este aumento de contribución “afecta tamén as pensións privadas das empresas a condición de que superen a contía mensual de 197 euros” e fai fincapé en que este límite “mesmo se aplica aos emigrantes residentes en Alemaña que perciben unha pensión española a maiores da alemá oficial”. Para o mes de xullo estímase que suban as pensións alemás un 3,75%.

Barge subliña que “é importante enviar de oficio, durante este mes de xaneiro, unha fe de vida internacional (español-inglés ou español-francés) para poder seguir percibindo a pensión privada da empresa”. Neste senso lembra que moitos dos retornados de Alemaña “xa recibiron impresos preparados das aseguradoras ou das empresas pagadoras para selalos no rexistro civil ou no concello correspondente” e fai fincapé en que “moitas aseguradoras alemás non envían ningunha documentación a España, polo tanto son os propios interesados os que teñen que realizar o envío correspondente”.

A área de migracións xa axudou nas últimas semanas a algúns retornados a recuperar o pago desa pensión de empresa, ao non enviar en tempo e forma a fe de vida internacional.