Concello de Ourense EDUCACION Xunta

Esixiremos que a Xunta licite urxentemente as obras de reforma do CEIP Luis Manuel Acuña de Ourense

AS SOCIALISTAS EXIXIRÁN QUE A XUNTA LICITE DE XEITO URXENTE AS OBRAS DE REFORMA DO CEIP LUIS MANUEL ACUÑA ATENDENDO AO RECENTE EMPEORAMENTO DAS CONDICIÓNS DAS INSTALACIÓNS

Transcorreu xa máis dun ano desde dito anuncio e a realidade que vive a comunidade educativa do CEIP Manuel Luis Acuña pon en evidencia a distancia entre as promesas da Xunta e a súa acción real”, lamenta a voceira Do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez

Segundo relata a deputada Carmen Rodríguez Dacosta, a falta de actuación da Xunta foi agravando progresivamente os danos no colexio e a entrada continuada de auga está a causar problemas na instalación eléctrica, afectando directamente ao funcionamento da caldeira de calefacción

Ourense, 14 de xaneiro de 2026. As edís do grupo municipal socialista e a deputada no Parlamento de Galicia Carmen Rodríguez Dacosta mantiveron un encontro con representantes da comunidade educativa do CEIP Manuel Luis Acuña ante a situación que están a padecer profesorado e alumnado dende hai meses.

Dende o PSdeG no Concello lembran que, en decembro de 2023, a Xunta de Galicia anunciou publicamente na súa páxina web a execución das obras de reforma integral do centro, indicando que a súa licitación se realizaría ao longo do ano 2024 e que o inicio das obras estaba previsto para finais dese mesmo ano. Estas actuacións enmarcábanse no denominado plan de nova arquitectura pedagóxica do executivo autonómico.

“Transcorreu xa máis dun ano desde dito anuncio e a realidade que vive a comunidade educativa do CEIP Manuel Luis Acuña pon en evidencia a distancia entre as promesas da Xunta e a súa acción real”, lamenta a voceira das socialistas na Administración local e secretaria xeral do partido na cidade. “Tal e como denuncian as nais e pais do alumnado, a día de hoxe existen aulas pechadas debido á entrada de auga e ás baixas temperaturas. E os danos producidos por un temporal no ano 2025 só se cubriron con arranxos provisionais sen que se abordase a reforma estrutural necesaria”, puntualiza.

Ademais, segundo relata Carmen Rodríguez Dacosta, a falta de actuación da Xunta foi agravando progresivamente os danos no colexio, xa que a entrada continuada de auga está a causar problemas na instalación eléctrica, provocando cortes de subministración que afectan directamente ao funcionamento da caldeira de calefacción. “Resulta inconcebible que non se poidan garantir unhas condicións térmicas axeitadas, obrigando a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos a permanecer nas aulas e no comedor escolar abrigados coas súas chaquetas durante toda a xornada”, sinala a deputada autonómica.

Para tratar de paliar esta situación, adoptouse como medida extraordinaria o alugueiro dun canón de calor a gasolina que se despraza por distintas dependencias do colexio, unha solución improvisada, insuficiente e impropia dun centro educativo público do século XXI. E ante a pasividade do Goberno de Alfonso Rueda, Carmen Rodríguez Dacosta presentou na Cámara galega unha batería de iniciativas nas que as socialistas solicitan que se liciten de maneira inmediata, con carácter de urxencia, as obras de reforma integral do CEIP Manuel Luis Acuña de Ourense anunciadas no ano 2023 e tendo en conta a situación actual e o agravamento dos danos nas instalacións.