Concello de Ourense

Reclamamos un recoñecemento no rueiro de Ourense para o doutor Luis Rodríguez Míguez

AS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE RECLAMAN UN RECOÑECEMENTO NO RUEIRO PARA O DOUTOR LUIS RODRÍGUEZ MÍGUEZ

Ourense, 15 de xaneiro de 2026. Dende o grupo socialista do Concello de Ourense entenden que o doutor Luis Rodríguez Míguez foi unha figura clave na promoción da saúde pública e na posta en valor dos recursos termais, converténdose nun referente tanto a nivel local como máis alá do ámbito municipal. O seu labor tivo un impacto fundamental na calidade de vida da veciñanza e no desenvolvemento social e económico do territorio que aínda perdura hoxe en día.

O nome do doutor Míguez merece permanecer na memoria colectiva da nosa cidade. Darlle o seu nome a unha rúa é unha forma xusta e simbólica de recoñecer unha vida dedicada ao servizo público, á ciencia e ao benestar común. Trátase dun recoñecemento transversal a unha figura que forma parte da historia e do patrimonio inmaterial do municipio.

Os seus méritos profesionais e científicos conseguiron que Ourense comezase a mirarse a si mesma con orgullo, a situarse no mapa científico, sanitario e académico do termalismo, dentro e fóra de Galicia, dentro e fóra do Estado. Traballando sempre sen estridencias, sen protagonismos e sen buscar recoñecementos.

A proposta busca tamén poñer en valor a importancia do termalismo como elemento identitario e estratéxico para a cidade, recoñecendo o papel dunha das persoas que máis contribuíron de maneira decisiva ao seu impulso e consolidación. De feito, un dos elementos máis salientables da súa traxectoria foi a súa contribución ó estudo, á difusión e á institucionalización do termalismo terapéutico e da hidroloxía médica en Galicia.

Poñer o nome do doutor Míguez a unha rúa non é un xesto simbólico baleiro. É unha maneira de dicirlle ás xeracións futuras que esta cidade honra a quen a coidou. Que Ourense non esquece a quen traballou por unha sanidade pública forte, polo coñecemento compartido e por un desenvolvemento vencellado ao territorio e ás persoas.