Concello de Ourense Mobilidade urbanismo

Conseguimos que se aproben as nosas iniciativas para rehabilitar a Alameda e un plan de aparcamento para Ourense

AS SOCIALISTAS CONSEGUEN QUE SE APROBEN AS SÚAS INICIATIVAS PARA REHABILITAR E RECUPERAR A ALAMEDA PARA USO DA VECIÑANZA E POÑER EN MARCHA UN PLAN DE APARCAMENTO E MELLORA DA MOBILIDADE EN OURENSE

“O tempo pasa e seguimos agardando a que se avance algo nesta cidade. Moitas destas medidas contempladas no PMUS non se planificaron nin se levaron a cabo nos últimos anos, deixando a Ourense sen alternativas suficientes a sabendas do colapso que xerarían a supresión da ORA e a entrada en vigor da ZBE”, sinalou a portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González

Ámbalas dúas mocións resultaron aprobadas cos votos a favor do PP e o BNG e a abstención de DO

Ourense, 16 de xaneiro de 2026. O grupo municipal socialista no Concello de Ourense conseguiu o respaldo do Pleno para a aprobación das súas iniciativas para rehabilitar e recuperar a Alameda e elaborar e poñer en marcha un plan extraordinario de aparcamento e mellora da mobilidade ante a implantación da Zona de Baixas Emisións (ZBE) e a supresión da ORA. Ámbalas dúas mocións resultaron aprobadas cos votos a favor do PP e o BNG e a abstención de DO.

“A Alameda do Concello é un dos espazos públicos máis singulares e emblemáticos da cidade de Ourense. A súa localización céntrica, o seu carácter de xardín histórico urbano e a súa función social fan dela un lugar esencial para a vida cotiá da veciñanza, configurándose como un espazo de paseo, encontro interxeracional, descanso e convivencia”, expuxo a voceira do PSdeG, Natalia González.

A realidade, lembrou a tamén secretaria xeral do partido na cidade, é que nos últimos anos este emprazamento viu alterada de maneira substancial a súa natureza e funcionalidade debido á instalación da Praza de Abastos provisional. Dito traslado produciuse como consecuencia do peche do edificio histórico da Praza de Abastos nº1 para a súa rehabilitación, sendo presentado desde o primeiro momento como unha solución excepcional, transitoria e limitada no tempo. “Dende que goberna Gonzalo Pérez Jácome van 7 anos e 0 solucións nin intencións de que os e as praceiras poidan retornar ao edificio histórico ou para que a veciñanza recupere un lugar para o seu goce”, lamentou durante a sesión plenaria ordinaria deste mes de xaneiro.

Por todo elo, as socialistas instan na súa moción ao goberno local para que proceda á redacción dun proxecto integral de rehabilitación da Alameda do Concello que inclúa, como mínimo, a reparación dos danos ocasionados pola ocupación prolongada, a renovación do mobiliario urbano, a mellora da iluminación, da accesibilidade e da seguridade –todo elo baixo criterios de sostibilidade ambiental e conservación patrimonial e garantindo procesos de información, transparencia e participación cidadá no deseño e execución–.

No que respecta á segunda iniciativa, a portavoz do PSdeG recordou que o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Ourense, aprobado en 2019 e modificado en 2025 para integrar a ZBE, identifica claramente a necesidade de reordenar a mobilidade no centro, reducindo tráfico e fomentando alternativas sostibles; de crear aparcadoiros disuasorios e facilitar o estacionamento para residentes e de desenvolver, se é posible, sistemas de lanzadeiras e transporte colectivo complementario para os accesos ao casco urbano.

“O tempo pasa e seguimos agardando a que se avance algo nesta cidade. Moitas destas medidas contempladas no PMUS non se planificaron nin se levaron a cabo nos últimos anos, deixando a Ourense sen alternativas suficientes a sabendas do colapso que xerarían a supresión da ORA e a entrada en vigor da ZBE”, sinalou a portavoz do grupo municipal socialista.

Entenden as edís do PSdeG que esta situación fai urxente un Plan Extraordinario de Aparcamento que materialice as actuacións pendentes e garanta a mobilidade, accesibilidade e seguridade na urbe, conseguindo que o obxectivo principal da ZBE –reducir as emisións dos vehículos– poida acadarse, eliminando ou evitando o caos circulatorio actual. E reclaman no texto da moción aprobada poñer en marcha novos aparcamentos disuasorios e estudar a implantación de aparcadoiros modulares e desmontables próximos ao centro e nos barrios; crear un sistema intelixente de estacionamento para residentes en barrios saturados, baseado en aplicación móbil, sensores de ocupación e control dixital, e prioritario para A Ponte, O Couto, San Francisco, A Carballeira, Mariñamansa ou o propio centro; e habilitar solares municipais e privados como aparcadoiros temporais.

Por último, exixen tamén dar unha solución laboral inmediata ás 9 persoas traballadoras afectadas pola supresión da ORA, garantindo os seus dereitos e evitando situacións de indefensión.