O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS REITERA QUE O QUE SE APROBOU NO ÚLTIMO PLENO FOI UNHA MOCIÓN PARA QUE O SAF FUNCIONE CORRECTAMENTE E NON UNHA MULTA POR INCUMPRIMENTOS COMO VENDEU O REXEDOR NOS MEDIOS
As concelleiras socialistas destacan que as declaracións do rexedor aos medios “son rotundamente falsas”, xa que tal e como argumentan “o que se aprobou foi unha moción socialista para recuperar o servizo de axuda no fogar, non unha multa, xa que iso xa se fixo pola vía administrativa fóra do plenario”
A voceira do PSdeG-PSOE, Victoria Morenza, reclama que o goberno municipal “adopte cantas actuacións sexan precisas para que ningunha persoa usuaria quede sen o servizo e que se eviten situacións de desatención e vulnerabilidade”
Barbadás, 16 de xaneiro do 2025. O PSdeG-PSOE de Barbadás pídelle ao alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, que rectifique e recoñeza que no último pleno, non se aprobou unha sanción a empresa Osventos por incumprimentos reiterados no servizo de axuda no fogar, senón unha moción socialista na que se solicitaban medidas urxentes para que as persoas usuarias do servizo de axuda no fogar, mediante o sistema de xestión externa, sexan atendidas axeitadamente.
Dende o grupo municipal socialista de Barbadás explican que no pleno do luns 12 de xaneiro presentaron unha moción neste senso, que foi aprobada cos votos a favor de PSdeG-PSOE, BNG e Partido Popular contando tal e como apuntan “cun amplo respaldo e apoio”. Neste senso, as concelleiras socialistas destacan que as declaracións do rexedor aos medios “son rotundamente falsas”, xa que tal e como argumentan “o que se aprobou foi unha moción socialista para recuperar o servizo de axuda no fogar, non unha multa, xa que iso xa se fixo pola vía administrativa fóra do plenario”.
As concelleiras socialistas argumentan que o concello “debe rescindir de xeito inmediato ca actual empresa e buscar solucións para unha correcta atención das persoas usuarias”. Subliñan que na actualidade “temos unha segunda empresa externalizada, que se encarga de cubrir as carencias da empresa que xestiona o servizo de axuda no fogar”, pero tal e como apunta “isto non é solución efectiva”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Barbadás, Victoria Morenza Doforno, reclama que o goberno municipal “adopte cantas actuacións sexan precisas para que ningunha persoa usuaria quede sen o servizo e que se eviten situacións de desatención e vulnerabilidade”. Asemade tamén insta ao alcalde e aos seus dous concelleiros a que “tomen esta decisión de gobernanza con outras administracións para evitar que este tipo de incumprimentos e desatencións se sigan repetindo”.
Dende o PSOE de Barbadás lembran que “chegamos a ter que pagar horas extras as traballadoras, xa que a empresa deixounos tiradas no seu momento e a segunda empresa que se contratou externamente para paliar os problemas de atención, tampouco foi quen de dar solucións”. Neste senso apuntan a que a concelleira responsable de área “buscou todo tipo de solucións e chegou a conseguir que as traballadoras do concello asumiran as tarefas do SAF, pero o alcalde e o concelleiro Morgade non lles querían pagar as horas extras, pero tras moito insistir logrouse, a pesar dos impedimentos do rexedor e do concelleiro”.
A moción contou cunha emenda do BNG na que pedía que o pleno do concello instase ao equipo de goberno a asumir de maneira directa a prestación do SAF, garantindo que este servizo esencial se xestione integramente desde o ámbito público municipal, como compromiso coa calidade, a estabilidade laboral e a defensa dos servizos públicos. A emenda foi aprobada tamén polos grupos que aprobaron a moción.

