Concello de Ourense termalismo

Exiximos que se garanta a accesibilidade ás termas e se deixe de improvisar en política turística dende o Concello de Ourense

AS EDÍS DO GRUPO MUNICIPAL DO PSDEG DE OURENSE EXIXEN AO ALCALDE QUE GARANTA A ACCESIBILIDADE ÁS TERMAS E DEIXE DE IMPROVISAR EN POLÍTICA TURÍSTICA

O grupo municipal socialista lamenta que o goberno de Gonzálo Pérez Jácome veña de comunicar un novo recorte no servizo do tren termal, eliminando o percorrido ata Outariz e deixando o traxecto limitado ata a zona do Tinteiro

Este novo paso atrás na mobilidade prodúcese, non obstante, nunha semana na que o goberno local de DO decidiu non asistir a FITUR, argumentando que non serve para nada. “Mentres outras cidades aproveitan feiras como FITUR para promocionar a súa riqueza, Ourense segue quedando atrás por decisión do alcalde”, critican

Ourense, 21 de xaneiro de 2026. O grupo municipal socialista lamenta que o goberno de Gonzálo Pérez Jácome veña de comunicar un novo recorte no servizo do tren termal, eliminando o percorrido ata Outariz e deixando o traxecto limitado ata a zona da fonte do Tinteiro. O executivo local xustifica esta decisión asegurando que a liña 5 de autobús xa realiza ese percorrido, unha afirmación que desde o PSdeG cualifican de “rotundamente falsa”.

A portavoz do PSdeG, Natalia González, explica que “a liña 5 traslada ás persoas usuarias á outra marxe do río Miño, o que obriga a camiñar unha distancia considerable para chegar ás termas do Muíño da Veiga e de Outariz. Isto afecta especialmente ás persoas con mobilidade reducida, que utilizaban o tren como un medio accesible para chegar directamente ás zonas termais e que agora quedan sen unha alternativa real de transporte”.

Ademais, a liña 5, que remata o seu percorrido en Ceboliño, estase a ver sobresaturado nas horas punta ao carecer o turismo do tren termal os días de semana, quedando en ocasións os usuarios e usuarias habituais sen poder desprazarse no transporte público que empregan no seu día a día por tratarse dun dos denominados como “busitos” con moitas menos prazas.

Desde o PSdeG lembran que o tren termal non é só un atractivo turístico, senón tamén un servizo social e de accesibilidade que garantía o acceso ás termas a ourensáns e ourensás que acoden ás augas mineromedicinais por motivos de saúde.

Este novo paso atrás na mobilidade prodúcese, non obstante, nunha semana na que o goberno local de DO decidiu non asistir a FITUR, argumentando que non serve para nada. “Mentres outras cidades aproveitan feiras como FITUR para promocionar a súa riqueza, Ourense segue quedando atrás por decisión do alcalde”, critica a portavoz.

Así as cousas, a voceira socialista fai balance da acción do executivo municipal en materia turística afirmando que “nos últimos anos as únicas medidas foron eliminar o tren turístico entre semana, deixalo só para as fins de semana, agora recortalo ata a fonte do Tinteiro e mover a oficina municipal de información turística”.

Para as edís do PSdeG, Ourense necesita e merece unha estratexia turística seria, estable e pensada para a xente de aquí e para quen nos visita, “non un goteo constante de recortes e improvisación”. Por iso reclaman ao rexedor que garanta a accesibilidade ás zonas termais da cidade e deixe de menosprezar o termalismo.