O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA ESIXE RESPOSTAS URXENTES AO CONCELLO POLA INSEGURIDADE NO ACCESO AO CEIP IRMÁNS VILLAR E POLOS DANOS AMBIENTAIS NAS OBRAS DA RÚA PEÑA TREVINCA
“Segundo nos trasladaron, as familias e o profesorado reclamaron sen éxito medidas básicas como a presenza da Policía Local ás horas de entrada e saída do alumnado, algo habitual noutros colexios da cidade”, explica a voceira do PSdeG, Natalia González
A esta falta de medidas de seguridade súmase un novo episodio do que dende o grupo do PSdeG cualifican como de “chapuza medioambiental”, co formigonado dos plátanos de sombra existentes entre a estación de San Francisco e o CEIP Irmáns Villar sen alcorques axeitados, o que pon en serio perigo a supervivencia destas especies adultas
Ourense, 22 de xaneiro de 2026. O grupo municipal socialista vén de rexistrar unha batería de preguntas por escrito, con solicitude de resposta urxente, para esixir explicacións ao goberno local ante a situación de risco que se está a vivir no acceso ao CEIP Irmáns Villar como consecuencia das obras que se están a executar na rúa Peña Trevinca.
Aínda que a obra é promovida, a priori, pola Xunta de Galicia, as socialistas lembran que o Concello é corresponsable en materias clave como a seguridade vial, a protección da infancia, o control do espazo público e a defensa do patrimonio arbóreo urbano. “Non vale agocharse detrás doutra administración cando está en xogo a seguridade de nenos e nenas”, advirten.
Tal e como se pode observar a simple vista, o único acceso habilitado ao centro educativo discorre actualmente por unha zona de obras con maquinaria pesada e cun paso peonil provisional que a comunidade educativa leva días denunciando como perigoso. “Segundo nos trasladaron, as familias e o profesorado reclamaron sen éxito medidas básicas como a presenza da Policía Local ás horas de entrada e saída do alumnado, algo habitual noutros colexios da cidade”, explica a voceira do PSdeG, Natalia González.
“O máis grave é que houbo avisos, houbo queixas e houbo tempo para reaccionar, pero non se fixo nada; é inadmisible a pasividade do executivo municipal ante unha situación de risco evidente”, lamenta.
A esta falta de medidas de seguridade súmase un novo episodio do que dende o grupo do PSdeG cualifican como de “chapuza medioambiental”, co formigonado dos plátanos de sombra existentes entre a estación de San Francisco e o CEIP Irmáns Villar sen alcorques axeitados, o que pon en serio perigo a supervivencia destas especies adultas. “Trátase dun espazo especialmente sensible, que funciona como refuxio climático consolidado e que debería ser exemplo de coidado urbano nunha contorna educativa”, engade.
Desde o grupo municipal socialista advirten que Ourense “non pode seguir avanzando cara a unha cidade deshumanizada, onde se maltrata o patrimonio verde e se improvisa cando se trata da seguridade da infancia”.
Por último, sinalan que agardan respostas claras e inmediatas por parte do Concello e esiximos a adopción urxente de medidas correctoras, tanto para garantir un acceso seguro ao CEIP Irmáns Villar como para reparar os danos ambientais causados polas obras.

