concellos Deputación de Ourense

Reclamamos recursos e coordinación ante o temporal de neve en Ourense

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA RECLAMA RECURSOS E COORDINACIÓN INSTITUCIONAL PARA OS CONCELLOS ANTE O TEMPORAL DE NEVE EN OURENSE

Os socialistas instan á Deputación de Ourense a exercer un papel activo de apoio municipal nun episodio meteorolóxico de alto impacto, segundo as previsións

A iniciativa responde ás alertas laranxa e amarela decretadas por AEMET e MeteoGalicia para as próximas horas, na orixe da suspensión das clases en todos os centros educativos da provincia

O secretario provincial dos socialistas e voceiro na corporación provicinal, Álvaro Vila, defende que a Deputación debe exercer un papel activo de apoio municipal fronte á emerxencia

Ourense, 22 de xaneiro de 2026. O Grupo Provincial Socialista vén de rexistrar na Deputación de Ourense unha solicitude formal para garantir a máxima coordinación institucional e poñer ao dispor dos concellos todos os recursos necesarios ante a situación meteorolóxica adversa prevista para as próximas horas na provincia. A iniciativa responde ás alertas emitidas por AEMET e MeteoGalicia, que prevén importantes nevadas, especialmente nas zonas de montaña, con acumulacións superiores aos 20 centímetros e unha cota de neve que descenderá ata os 400 metros.

Os socialistas lembran que este episodio xa provocou a suspensión das clases en todos os centros educativos da provincia e a activación da fase de alerta do Plan Invernal de Estradas. Advirten de que os concellos afrontarán necesidades urxentes nas súas redes viarias municipais e provinciais, así como posibles incidencias no subministro eléctrico, problemas no abastecemento de auga ou situacións de risco derivadas da caída de árbores, especialmente nos municipios rurais e de montaña.

Desde o Grupo Provincial Socialista sublíñase que a Deputación dispón de recursos humanos, materiais e capacidade orzamentaria fundamentais nestes contextos. “A institución provincial non pode permanecer nun segundo plano cando os concellos precisan apoio inmediato”, sinalan, lembrando que a Deputación conta con maquinaria específica, persoal especializado e experiencia na xestión de situacións de emerxencia que deben ser mobilizados con axilidade para garantir a seguridade da veciñanza.

Recursos e cooperación para responder á emerxencia

A solicitude presentada polo voceiro socialista, Álvaro Vila Araújo, reclama a activación inmediata dos protocolos de emerxencia da Deputación e a posta á disposición dos concellos de toda a maquinaria dispoñible, como quitaneves, palas cargadoras, tractores e vehículos todoterreo, así como do persoal técnico e operarios necesarios. Os socialistas insisten en que os concellos non poden afrontar en solitario un episodio desta magnitude e precisan do respaldo efectivo da institución provincial.

Asemade, a iniciativa insta a establecer un mecanismo de coordinación estable co resto das administracións que xa teñen activados os seus dispositivos, como a Subdelegación do Goberno, a Xunta de Galicia, Protección Civil ou o Consorcio de Bombeiros. Ademais, reclámase a comunicación inmediata aos concellos dos procedementos para solicitar asistencia da Deputación e a posterior elaboración dunha avaliación de danos que permita dimensionar os recursos necesarios para a recuperación das infraestruturas afectadas.