Denuncias Deputación de Ourense INICIATIVAS

Denunciamos a instrumentalización política do Inorde por parte do PP

O PSOE DENUNCIA NA DEPUTACIÓN A INSTRUMENTALIZACIÓN POLÍTICA DO INORDE POLO PP E ESIXE QUE DEIXE DE SER UNHA “ARMA DE PROPAGANDA PARTIDISTA”

A moción socialista condena a difusión dun estudo inacabado sobre o tren da Gudiña, metodoloxicamente incorrecto e parcial, para atacar ao Goberno central mentres se garda silencio sobre as políticas da Xunta

A iniciativa destaca o uso partidista do Inorde, que inviste 11.000 euros en “estudar” o impacto de políticas de competencia estatal, pero cero euros en avaliar o colapso da sanidade e a educación na provincia

Álvaro Vila reafirma o compromiso do PSdeG-PSOE coa recuperación de frecuencias do tren, pero insiste nas eivas dun informe «sen rematar», de parte e difundido con fins propagandistas

Ourense, 23 de xaneiro de 2026. O voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense, Álvaro Vila Araújo, presentou diante do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) a moción que o seu grupo levará ao próximo Pleno para denunciar a instrumentalización política do Inorde polo Partido Popular. Vila, acompañado de deputadas e deputados provinciais socialistas, acusou á Deputación de utilizar o organismo provincial exclusivamente como «unha arma de propaganda partidista para atacar ao Goberno central mentres garda silencio absoluto sobre as políticas da Xunta de Galicia que están a desmantelar a sanidade e a educación públicas na província».

O secretario provincial do PSdeG-PSOE denunciou que o Inorde difundiu o pasado 29 de decembro un estudo inacabado sobre o impacto da supresión de paradas do tren na Gudiña con graves deficiencias metodolóxicas. Tras solicitar a documentación completa o 7 de xaneiro, a resposta recibida confirma que se trata dun traballo «sen rematar, en fase de desenvolvemento, con resultados preliminares», que carece de datos obxectivos de uso real da estación, que admite sesgos metodolóxicos sen detallar medidas correctoras, e que non especifica datos básicos como tamaño da mostra, marxe de erro ou intervalos de confianza. «Sen estes datos, as porcentaxes presentadas carecen de validez estatística verificable. Isto non é rigor científico: é propaganda política mal disfrazada de investigación académica», denunciou Vila.

O obxectivo é denunciar o uso partidista que se fai do Inorde: «Non queremos que faga máis estudos coma este: queremos que deixe de ser unha arma de propaganda en mans do PP». O dirixente socialista engadiu que se o organismo vai seguir facendo informes, «que os faga ben feitos, con equipos especializados, con datos obxectivos e sobre todas as todas políticas que afectan a Ourense, non só as que dependen de Madrid».

Vila reafirmou de xeito inequívoco a posición do PSOE respecto ao tren: «Votamos a favor da moción aprobada no Pleno de outubro de 2025, acudimos ás mobilizacións cidadás, defendemos a recuperación das frecuencias suprimidas. O que cuestionamos é que se faga un estudo metodoloxicamente deficiente, que se presente como conclusivo cando está inacabado e que se utilice o Inorde con fins partidistas, investindo 11.000 euros en estudar unha competencia estatal mentres non se dedica nin un euro a medir o impacto das políticas autonómicas».

Sanidade e educación: silencio cómplice da Deputación

O dirixente socialista detallou diante do CHUO a «precaria situación dos servizos públicos fundamentais para ilustrar o impacto real das políticas autonómicas que ninguén mide». No propio complexo hospitalario hai listas de espera de até seis meses en especialidades como traumatoloxía ou dermatoloxía, equipos obsoletos, tellados caendo, inundacións e espazos non aptos para a convalecencia. Fóra da capital a situación é igual ou peor: en Valdeorras, un hospital sen especialistas con pacientes derivados a León; en Verín, consultorios pechados por falta de persoal; no Carballiño, especialidades ofertadas que en realidade son inexistentes.

En educación a situación non é mellor: peche de centros e unidades, supresión de postos docentes, carencia de servizos adaptados e milleiros de nenos sen praza pública en educación infantil de 0 a 3 anos evidencian o deterioro dun servizo público fundamental. A Deputación non dedica recursos a medir o impacto destas políticas sobre as familias ourensás, especialmente sobre as mulleres, que sofren directamente a falta de prazas públicas e os recortes en programas de conciliación. Vila recalcou que sobre todo isto «a Deputación inviste cero euros en estudos, porque non serve para atacar ao Goberno central e deixaría en evidencia as súas propias responsabilidades».

«A situación de desleixo da nosa provincia non se dirime en Madrid, senón en Santiago e en Ourense, onde residen as competencias. Santiago e Ourense, precisamente onde o PP goberna», fincou. «Se estudan o tren, que estudien tamén a sanidade e a educación. Esa é a coherencia que Ourense esixe», esixiu Vila, a modo de conclusión.