concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás pide que se activen os proxectos e iniciativas para a reforma de diferentes parques municipais

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS INSTA AO GOBERNO LOCAL A QUE SE ACTIVEN OS PROXECTOS E INICIATIVAS PARA A REFORMA DOS PARQUES DO FILGADIÑO, EN SOBRADO, DA ZONA INFANTIL E DEPORTIVA DE LOIRO E DA CONTORNA DA IGREXA DE PIÑOR

As concelleiras socialistas fan fincapé en que o obxectivo “é que estes lugares de xogo sexan mellorados substancialmente”, a través das propostas realizadas polo PSOE en base a un traballo previo de gobernanza realizado nos últimos anos

Victoria Morenza Doforno pon de manifesto que as zonas recreativas de ocio infantil “son fundamentais para que as crianzas desfruten socializando con outros nenos e outras nenas, potenciando a creatividade e a psicomotricidade”

“A finalidade da proposta é que estas zonas recreativas volvan converterse en punto de encontro fundamental para as familias e para a convivencia veciñal”, sostén a edil socialista

Barbadás, 27 de xaneiro do 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria na que insta ao goberno municipal a que se activen os proxectos e iniciativas para a reforma dos parques da contorna da igrexa de Piñor, do Filgadiño, en Sobrado e da zona infantil e deportiva de Loiro. As concelleiras socialistas fan fincapé en que o obxectivo “é que estes lugares de xogo sexan mellorados substancialmente”, a través das propostas realizadas polo PSOE en base a un traballo previo de gobernanza realizado nos últimos anos.

O grupo municipal socialista de Barbadás insta ao goberno municipal a buscar financiamento para proceder á reforma dos parques Filgadiño, en Sobrado e o de Loiro. Asemade, tamén lle pide ao equipo de goberno que habilite unha partida orzamentaria para formigonar a zona deportiva de Loiro, situada a carón do antigo teleclube. De igual forma tamén lle reclama aos gobernantes locais que poñan en marcha a reforma do parque do tanatorio de Piñor, a través dunha partida que se recollía no anexo de investimentos de 2025 e a que se mellore a contorna do cruceiro de Zama e a zona de esparexemento.

A voceira socialista, Victoria Morenza Doforno, pon de manifesto que as zonas recreativas de ocio infantil “son fundamentais para que as crianzas desfruten socializando con outros nenos e outras nenas, potenciando a creatividade e a psicomotricidade”. Neste senso apunta a que en Barbadás “hai varios parques infantís que poden mellorar as súas prestacións a través de reformas que abranguen aos peches do perímetro, ao chan e aos elementos de xogo”.

“A finalidade da proposta é que estas zonas recreativas volvan converterse en punto de encontro fundamental para as familias e para a convivencia veciñal”, sostén Morenza Doforno. A voceira socialista apunta a que as melloras propostas “pretenden que estes espazos se transformen en zonas lúdicas modernas, cómodas e inclusivas, adaptadas aos estándares actuais e pensadas para tódalas crianzas, independentemente das súas capacidades”.

En relación ao Fidalguiño, as concelleiras socialistas salientan que a rehabilitación e mellora cara un parque infantil inclusivo “xa conta cun proxecto técnico con varias melloras, pero precisa dun impulso para a súa posta en marcha”. Sobre o parque infantil de Loiro lembran que en meses anteriores “realizáronse visitas de comprobación para proceder a cuantificación económica, co apoio dos técnicos especialistas en zonas de ocio e mellorar así as deficiencias existentes”. Así mesmo apuntan a que a zona deportiva de Loiro “precisa con urxencia unha intervención, a pesar de que xa estaba prevista para o ano 2026”, xa que tal e como apuntan as edís do PSOE “o estado actual con lama e malas herbas impide por completo a práctica de calquera deporte”.

Sobre o parque na zona da igrexa de Piñor, dende o grupo municipal socialista lémbranlle ao goberno municipal que “xa se podería efectuar unha intervención para rematar co deterioro, xa que dita actuación atopábase incluída no anexo de investimentos dos orzamentos municipais de 2025, que foron prorrogados”. De igual forma, as concelleiras socialistas piden que “se poña en valor” o cruceiro de Zama, “un elemento histórico e de gran valor patrimonial, cultural e turístico do concello”.