Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Reclamamos máis recursos para vivenda e denunciamos a instrumentalización política do Inorde

O GRUPO SOCIALISTA NA DEPUTACIÓN RECLAMA MÁIS RECURSOS PARA VIVENDA, DENUNCIA A INSTRUMENTALIZACIÓN POLÍTICA DO INORDE E ESIXE O SOTERRAMENTO DA AVENIDA OTERO PEDRAYO

Álvaro Vila esixe aumentar os recursos do Plan de Vivenda tras atender só 14 das 33 peticións rexistradas polos concellos en 2025 e considera “insuficientes” os 500.000 euros inicialmente orzamentados

Os socialistas denuncian que o Inorde non rende contas da súa actividade desde 2022 e elabora informes partidistas mentres ignora o impacto do desmantelamento da sanidade e educación na provincia

O Grupo Provincial Socialista pide recuperar o proxecto de soterramento da Avenida Otero Pedrayo xa aprobado pola Deputación en 2023 fronte aos «parches» propostos por Concello e Xunta

Ourense, 27 de xaneiro de 2026. O Grupo Provincial Socialista da Deputación de Ourense, liderado polo seu portavoz Álvaro Vila Araújo, ofreceu este martes unha rolda de prensa na que abordou varios temas de actualidade provincial: o relevo de dúas deputadas, a necesidade de incrementar os recursos do Plan de Vivenda, a instrumentalización política do Inorde e a recuperación do proxecto de soterramento da Avenida Otero Pedrayo.

Xunto con deputadas e deputados do seu grupo, Vila fixo balance de fitos que marcan a axenda política das últimas semanas. O líder do PSdeG-PSOE provincial agradeceu o traballo desenvolvido polas deputadas Susana Rodríguez Estévez, tenente de alcalde de Amoeiro, e Marina Vaz Quintillán, concelleira en Riós, que deixan os seus postos tras dous anos e medio de dedicación.

O voceiro explicou que estes cambios estaban establecidos desde o inicio do mandato 2023-2027, formando parte dun sistema de renovación acordado internamente. As novas incorporacións, previstas para o pleno de febreiro, son Susana Rodríguez Rodríguez, tenente de alcalde de Coles, e Eva Pérez Gamote, alcaldesa de Vilardevós. Vila destacou a “experiencia municipal e o compromiso” das novas deputadas, que “achegan unha visión renovada e un coñecemento directo das necesidades dos nosos concellos”.

Máis recursos para vivenda e disolución do Inorde

Un dos temas centrais foi a situación do Plan de Vivenda, unha iniciativa socialista adoptada pola Deputación que destina recursos aos concellos para rehabilitar vivendas con destino a alugueres sociais. Vila recordou que esta proposta foi dotada inicialmente con 500.000 euros nos orzamentos, “unha cantidade claramente insuficiente”. En 2025 rexistráronse 33 peticións, pero a partida só permitiu atender 14 solicitudes, deixando fóra case o 60% dos municipios. O portavoz esixiu ao goberno provincial que incremente de forma significativa esta partida “para dar resposta a todas as peticións e garantir vivenda pública accesible”.

Álvaro Vila denunciou a “instrumentalización política” do Inorde e a “falta absoluta de rigor nos informes sobre o seu futuro”. O voceiro lembrou que, a iniciativa do seu grupo, aprobouse unha moción para a disolución do Instituto e integración das súas funcións e persoal Deputación. “Tras moitos meses de silencio e despois de moito insistir, os socialistas tan só recibimos un informe minúsculo, elaborado polo propio Inorde, sen datos obxectivos, nin visión estratéxica clara, nin prazos”, subliñou este.

Vila esixiu “seriedade e rigor”, denunciando que o Inorde segue a actuar de forma opaca, sen publicar o informe de actividades desde 2022. “O Inorde é incapaz de facer un autodiagnóstico serio sobre a súa razón de ser e iniciativas, pero si ten tempo para elaborar estudios nesgados sobre a supresión de frecuencias de tren na estación na Gudiña, no que representa unha clara instrumentalización política dun problema que ten a provincia”, fincou Vila.

“Por isto, os socialistas levamos a pleno unha moción esixindo que, se o Inorde quere facer estudos de impacto, que os faga ben e con rigor, e que comece por medir as consecuencias do desmantelamento da sanidade e educación en Ourense, sectores que sofren un deterioro gravísimo”, afirmou o secretario provincial dos socialistas. Vila advertiu que “non se pode permitir que unha entidade pública financiada pola cidadanía faga estudos á carta, mentres ignora problemas estruturais que condenan comarcas ao éxodo demográfico”.

Soterramento fronte aos “parches”

Vila avanzou que os socialistas levarán ao vindeiro pleno unha moción solicitando recuperar o proxecto de soterramento da Avenida Otero Pedrayo, un compromiso que a Deputación adquiriu en setembro de 2023. “Esta actuación suporía unha transformación histórica para Ourense, mellorando a conectividade urbana e integrando definitivamente o Campus Universitario”, salientou o socialista.

O voceiro do Grupo do PSdeG-PSOE na Deputación criticou que o recente convenio entre o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia para investir 340.000 euros en crear un «refuxio climático» na vía resulta “insuficiente” e “pecha a oportunidade de acometer unha transformación estrutural reclamada desde hai tres décadas”. Para Vila, “as administracións non poden conformarse con parches que non resolven os auténticos problemas de fondo”.