concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás pide que se lle dea continuidade a promoción do paseo literario Carmen Martín Gaite

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS PIDE QUE SE LLE DEA CONTINUIDADE Á PROMOCIÓN DO PASEO LITERARIO CARMEN MARTÍN GAITE DE SAN LOURENZO DE PIÑOR E REFORZAR OS PROXECTOS VINCULADOS Á DIFUSIÓN DA OBRA DA ESCRITORA UNIVERSAL

O obxectivo, segundo salientan as concelleiras socialistas “é consolidar e continuar promocionando o mencionado paseo” e explican que con esta iniciativa “buscamos que o goberno municipal se reafirme con este proxecto cultural e educativo, garantindo a súa continuidade, en colaboración cos profesionais que o puxeron en marcha”

“Non ten sentido contar con subvencións concedidas e proxectos definidos se logo non se materializan. Falamos de mellorar a accesibilidade, a seguridade dos peóns e a calidade dun espazo cultural único”, sinala a concelleira socialista, Ana Belén Peleteiro

Barbadás, 29 de xaneiro do 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria na que pide que se lle dea continuidade á promoción do paseo literario Carmen Martín Gaite de San Lourenzo de Piñor e reforzar os proxectos vinculados á difusión da obra da escritora universal.

Dende o grupo municipal socialista reclaman “un compromiso institucional” co paseo literario Carmen Martín Gaite de San Lourenzo de Piñor. O obxectivo, segundo salientan as concelleiras socialistas “é consolidar e continuar promocionando o mencionado paseo” e explican que con esta iniciativa “buscamos que o goberno municipal se reafirme con este proxecto cultural e educativo, garantindo a súa continuidade, en colaboración cos profesionais que o puxeron en marcha e contribuíron ao seu éxito, como o profesor, David González Couso e o xornalista e divulgador, Luís Congil”.

A moción inclúe tamén a petición de executar actuacións pendentes, como a colocación de postes e paneis de sinalización da ruta centro en aceiro corten, así como a instalación de paneis informativos e material audiovisual no local social de Piñor, futuro centro de interpretación, actuacións xa subvencionadas pola Xunta de Galicia.

“Non ten sentido contar con subvencións concedidas e proxectos definidos se logo non se materializan. Falamos de mellorar a accesibilidade, a seguridade dos peóns e a calidade dun espazo cultural único”, sinala a concelleira socialista, Ana Belén Peleteiro Prieto, en referencia ao anteproxecto de obras incluído no plan director da ruta centro, que “podería executarse a través do Plan EDIL de fondos europeos”.

Ademais, o PSdeG insta ao goberno municipal a esixir á Deputación de Ourense que cumpra o compromiso adquirido en 2025 para subvencionar con, cando menos, 20.000 euros, a produción do filme Flores de Verán, do director Emilio Pérez Calviño, un proxecto audiovisual directamente vinculado á figura de Carmen Martín Gaite e a San Lourenzo de Piñor.

“Esta é unha moción construtiva, que defende a cultura como investimento e que pide responsabilidade institucional para cumprir cos compromisos adquiridos con Barbadás, con Piñor e coa memoria cultural que representamos”, conclúe a edil socialista.

Puntos de acordo da moción do PSdeG-PSOE de Barbadás:

1. Instar ao goberno municipal a reafirmar o seu compromiso co Paseo Literario Carmen Martín Gaite de San Lourenzo de Piñor, recoñecendo o seu valor cultural, educativo e patrimonial e garantindo a súa continuidade a través da colaboración cos profesionais que iniciaron e contribuíron co éxito deste proxecto.

2. Instar ao goberno municipal á colocación de postes e paneis de sinalización da ruta centro do paseo literario en aceiro corten, así como á instalación de paneis informativos e material audiovisual no local social de Piñor (futuro centro de interpretación) para a proxección de contidos sobre Carmen Martín Gaite (intervencións subvencionadas pola Xunta de Galicia).

3. Instar a o goberno local a implementar o anteproxecto das obras contempladas no Plan Director da ruta centro, que concentra a esencia “Martín Gaite” na parroquia de San Lourenzo de Piñor a través do PLAN EDIL (Estratexias de Desenvolvemento Local Integrado) de Europa que mellorará a accesibilidade e seguridade dos peóns.

4. Instar ao goberno municipal a esixir á Deputación de Ourense que materialice o compromiso adquirido en 2025 de subvencionar a produción do filme “Flores de Verán” do director Emilio Pérez Calviño, cun importe mínimo de 20.000€.

5. Instar ao goberno municipal a continuar a promoción do Paseo Literario mediante unha estratexia planificada de difusión nos medios de comunicación, redes sociais, páxina web municipal e materiais culturais e turísticos do concello.

6. Instar ao goberno municipal a impulsar unha programación regular e continuada de actividades culturais e educativas vinculadas ao Paseo Literario, en colaboración con centros educativos, asociacións culturais, colectivos sociais e entidades do ámbito literario dos ámbitos local e provincial.

7. Instar ao goberno municipal a explorar vías de colaboración e manter as xa establecidas con outras administracións públicas, universidades e institucións culturais, co obxectivo de consolidar o Paseo Literario Carmen Martín Gaite como un referente cultural de ámbito supramunicipal, como a Universidade de Salamanca, o Concello de Salamanca, a Dirección Xeral de Cultura e a Dirección Xeral de Turismo.