O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA PROPÓN UN 8M PARTICIPATIVO QUE CENTRE ESFORZOS EN QUE A IMPORTANCIA DA IGUALDADE CHEGUE Á MOCIDADE E EN CAMPAÑAS SOBRE CORRESPONSABILIDADE E CONCILIACIÓN
Considérase imprescindible poñer o foco nos coidados, ámbito no que as mulleres continúan asumindo a maior carga, cunha campaña municipal, con apoio a familias monomarentais, obradoiros para homes e mulleres e unha sinalización visual na cidade con mensaxes directas sobre reparto xusto das tarefas
Dende o grupo do PSdeG propoñen para o Premio Clara Campoamor ás deportistas Raquel Carrera, Paula Ginzo e Inés Sotelo, exemplos de éxito no baloncesto nacional e internacional; a profesora e investigadora Rosa María Cid Galante, polo seu labor de recuperación da memoria das mulleres ourensás; as profesionais sanitarias María Isabel Rodríguez Ambrosio, María Jesús Espinosa Menor e Verena Rodríguez González, polo seu recoñecido traballo en saúde pública; e a ximnasta Melania Rodríguez, figura destacada do trampolín a nivel mundial
Ourense, 28 de xaneiro de 2026. O grupo municipal socialista do Concello de Ourense vén de presentar unha batería de propostas para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, apostando pola educación, a concienciación social e a participación cidadá como eixos fundamentais para avanzar cara a unha igualdade real e efectiva.
Entre as medidas, o PSOE propón que espazos como as asociacións veciñais e a rede de centros cívicos municipais acollan actividades e mesas redondas nas que se reflexione sobre cuestións como a linguaxe inclusiva, o sexismo no ámbito laboral ou as desigualdades que aínda afectan ás mulleres en todos os sectores profesionais. O obxectivo é crear espazos de diálogo onde as mulleres poidan compartir experiencias e propoñer solucións.
Outra das iniciativas é a realización dunha exposición sobre a traxectoria de mulleres que romperon teitos de cristal, que se poida distribuír por distintos espazos da cidade, autobuses urbanos ou a través da arte urbana con grafitis feministas. Ademais, o grupo socialista propón instalar siluetas humanas violetas en prazas e rúas, representando vítimas da desigualdade ou da violencia de xénero, acompañadas de datos e mensaxes curtas de sensibilización.
Na mesma liña, considérase imprescindible poñer o foco nos coidados, ámbito no que as mulleres continúan asumindo a maior carga. Por iso, o PSOE aposta por impulsar unha campaña municipal de conciliación e corresponsabilidade, con apoio a familias monomarentais, obradoiros para homes e mulleres e unha sinalización visual na cidade con mensaxes directas sobre reparto xusto das tarefas.
Para achegarse á mocidade, proponse tamén a organización de concursos de arte urbana, a creación dun mural feminista, un scape room temático e un cinefórum que aborde os teitos de cristal, as desigualdades actuais e o impacto das mensaxes regresivas que circulan nas redes sociais, tal e como trasladaron dende o PSdeG ao Consello Municipal de Igualdade.
Ademais, as edís socialistas tamén propuxeron as súas candidaturas para o Premio Clara Campoamor de Igualdade de Oportunidades, recoñecendo o traballo e a traxectoria de mulleres ourensás referentes en diferentes ámbitos.
Entre as candidatas están as deportistas Raquel Carrera, Paula Ginzo e Inés Sotelo, exemplos de éxito no baloncesto nacional e internacional; a profesora e investigadora Rosa María Cid Galante, polo seu labor de recuperación da memoria das mulleres ourensás; as profesionais sanitarias María Isabel Rodríguez Ambrosio, María Jesús Espinosa Menor e Verena Rodríguez González, polo seu recoñecido traballo en saúde pública; e a ximnasta Melania Rodríguez, figura destacada do trampolín a nivel mundial.
Desde o grupo municipal socialista subliñan que estas propostas buscan non só conmemorar o 8M, senón converter a igualdade nun compromiso real, visible e participativo durante todo o ano, poñendo en valor o talento feminino e reforzando as políticas municipais contra a desigualdade e a violencia de xénero.

