Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Acadamos o compromiso da Deputación para impulsar o soterramento da Avenida Otero Pedrayo

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ACADA O COMPROMISO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA IMPULSAR O SOTERRAMENTO DA AVENIDA OTERO PEDRAYO

As e os socialistas tamén levaron ao pleno iniciativas para o cumprimento do acordo de disolución do INORDE 

Ourense, 30 de xaneiro de 2026. O Pleno aprobou por unanimidade a moción socialista para a recuperación do proxecto de soterramento da avenida de Otero Pedrayo, unha reivindicación histórica da cidade de Ourense que o PSOE vén defendendo de forma constante. «Este é un proxecto fundamental para mellorar a conectividade urbana, eliminar a barreira física que supón a vía e revalorizar todo o entorno», sinalou Diego Fernández, quen defendeu a iniciativa no pleno.

Fernández explicou que «o soterramento de Otero Pedrayo non é só unha cuestión de mobilidade, senón que é unha aposta estratéxica polo desenvolvemento urbanístico da cidade e pola mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas». A iniciativa socialista esixe que se recupere este proxecto esquecido e se estableza un calendario concreto para a súa execución. «Agora cómpre que todas as forzas políticas manteñan o mesmo compromiso fóra desta sala e presionen ante as súas respectivas administracións para que o proxecto se faga realidade», sentenzou Fernández.

Contra a instrumentalización política do INORDE

O Pleno rexeitou a moción presentada polo Grupo Provincial Socialista que denunciaba a instrumentalización política do Instituto Ourensán para o Desenvolvemento Económico (INORDE) por parte do Partido Popular. A deputada socialista Sherezade Núñez defendeu a iniciativa, que condenaba a difusión dun estudo inacabado sobre o impacto da supresión de paradas do tren na Gudiña, difundido para atacar ao Goberno central mentres se garda silencio absoluto sobre as políticas da Xunta en sanidade e educación.

Núñez subliñou que o INORDE inviste 11.000 euros en estudar políticas de competencia estatal, pero cero euros en avaliar o colapso da sanidade e a educación na provincia, competencias autonómicas responsabilidade da Xunta. «Se estudan o tren, que estudien tamén a sanidade e a educación. Esa é a coherencia que Ourense esixe», afirmou a deputada socialista, quen denunciou que «a Deputación utiliza o organismo provincial exclusivamente como unha arma de propaganda partidista para atacar ao Goberno central mentres garda silencio sobre o desmantelamento dos servizos públicos fundamentais que dependen da Xunta».