Concello de Ourense

Denunciamos que o traslado da Agrupación Miño pon en risco a súa actividade e atención ás persoas máis vulnerables

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DENUNCIA QUE O TRASLADO DA AGRUPACIÓN MIÑO Á CASA DA MAXIA PON EN RISCO A SÚA ACTIVIDADE SOCIAL E A ATENCIÓN A PERSOAS VULNERABLES

O alcalde deu de prazo ata o 28 de febreiro para executar o desaloxo e o traslado, sen diálogo real nin planificación, e sen ter en conta que a Agrupación Miño representa a 22 asociacións veciñais que precisan dun espazo funcional, accesible e axeitado para o seu traballo diario

O novo emprazamento proposto non é accesible, non favorece a participación da veciñanza, terá menos afluencia de persoas, carece de espazos adecuados para reunións e asembleas e, en definitiva, non responde ás necesidades dunha entidade que exerce unha función social imprescindible na cidade”, afirman

Ourense, 30 de xaneiro de 2026. As edís do grupo municipal socialista mantiveron unha reunión con representantes da Agrupación Veciñal Miño e visitaron a que o Concello de Ourense propón como nova instalación da entidade: a Casa da Maxia.

Tras este encontro e a visita ao inmoble, as integrantes do PSdeG manifestan con rotundidade a súa oposición a dito traslado, que non responde ás necesidades reais da asociación nin do movemento veciñal da cidade, e que supón un novo paso na estratexia do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, para silenciar, ningunear e debilitar ás entidades veciñais.

Segundo trasladaron os representantes da AVV, o Concello xustifica esta decisión nun suposto aforro en alugueiros, cando a realidade é que a Agrupación Miño leva desde o ano 2011 nun local da rúa Doutor Marañón cun custo mensual de 700 euros, unha cantidade absolutamente irrisoria para as arcas municipais. Non obstante, preténdese trasladar a entidade a un inmoble municipal baleiro, a Casa da Maxia, cedéndolle dúas das súas tres plantas e obrigándoa a compartir espazo cunha asociación moito máis pequena, como é As Burgas.

O alcalde deu de prazo ata o 28 de febreiro para executar o desaloxo e o traslado, sen diálogo real nin planificación, e sen ter en conta que a Agrupación Miño representa a 22 asociacións veciñais que precisan dun espazo funcional, accesible e axeitado para o seu traballo diario. “O novo emprazamento proposto non é accesible, non favorece a participación da veciñanza, terá menos afluencia de persoas, carece de espazos adecuados para reunións e asembleas e, en definitiva, non responde ás necesidades dunha entidade que exerce unha función social imprescindible na cidade”, afirman as socialistas.

Cómpre lembrar, ademais, que a Agrupación Miño desenvolve programas de apoio social de enorme relevancia, entre eles un servizo de acompañamento e atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, co que se prestou axuda a máis de 150 mulleres. “Este tipo de intervencións requiren espazos dignos, seguros e que garantan a confidencialidade, algo que dificilmente poderá manterse nunha instalación compartida, sen acondicionar e sen as condicións mínimas de privacidade. Este traslado pon en serio risco a continuidade deste programa e doutros similares”, destacan.

Este caso non é un feito illado, senón un ataque máis ao movemento veciñal, que se suma a outros recortes e decisións adoptadas nos últimos anos: o desmantelamento da Oficina de Participación Cidadá, o recorte de subvencións, a supresión de cursos e actividades cofinanciadas polo Concello e os ataques persoais e institucionais a representantes veciñais.

Desde o grupo municipal socialista reiteran o seu apoio firme ao movemento veciñal e á Agrupación Miño. Defendemos que as asociacións de veciños cumpren unha función social esencial e que a súa desaparición ou debilitamento empobrece a democracia local. “Facemos tamén un chamamento á reactivación e á mobilización do movemento veciñal para defender todo o que custou décadas conquistar. O que está en xogo non é só un local, senón o dereito da veciñanza a ter voz propia, espazos dignos e capacidade de organización”, rematan.