Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos propostas concretas de apoio á produción de proximidade ourensá

AS E OS SOCIALISTAS EMENDAN NA DEPUTACIÓN AS MOCIÓNS DE PP E BNG SOBRE O AGRO PARA INCLUÍR PROPOSTAS CONCRETAS DE APOIO Á PRODUCIÓN DE PROXIMIDADE OURENSÁ

O Pleno aprobou as enmendas do PSdeG-PSOE para poñer en marcha unha campaña de produtos de proximidade e establecer un sistema de compra pública prioritaria de alimentos ourensáns

O Grupo Provincial Socialista lembra que na moción presentada en febreiro de 2024 para abrir liñas de axuda ao sector o PP votou en contra

Ourense, 30 de xaneiro de 2026. O Pleno da Deputación de Ourense celebrado este venres aprobou as emendas de adición presentadas polo Grupo Provincial Socialista ás mocións do PP e BNG sobre o sector agrogandeiro, que inclúen medidas concretas para reforzar a produción de proximidade na provincia. As emendas reclaman a posta en marcha de campañas de promoción e sensibilización para o consumo de produtos de proximidade e quilómetro cero da provincia de Ourense, e que a Xunta de Galicia estableza un sistema de compra pública prioritaria de alimentos producidos en Ourense para o abastecemento dos seus servizos e establecementos na provincia.

Segundo explicou o voceiro socialista, Álvaro Vila, «non abonda con declaracións xenéricas, cómpre impulsar medidas que apoien de verdade aos nosos produtores e poñan en valor o que se produce aquí». Vila sinalou que estas propostas buscan crear canles estables de comercialización para os produtores locais e dinamizar a economía do rural ourensán mediante políticas públicas que conecten produción e consumo no territorio.

O voceiro socialista non evitou salientar as contradicións nas posturas de PP e BNG respecto ao sector. «En febreiro de 2024, este Grupo presentou unha moción para a apertura dunha liña de axudas regular, ampla e consecuente dirixida ao sector agropecuario provincial», recordou Vila. A iniciativa incluía datos concretos que evidenciaban a importancia estratéxica do sector: un peso do 5,2% no PIB ourensán, 13.190 explotacións agrícolas e 1.559 gandeiras, 4.576 afiliados á Seguridade Social e até un 4,1% dos traballadores ocupados no sector primario.

A devandita moción articulaba catro propostas específicas: unha auditoría exhaustiva do sector, a implementación dunha liña de subvencións regular para empresas e autónomos, unha liña específica para cooperativas agrogandeiras e a activación dun mecanismo de seguimento e avaliación do impacto das axudas. «O PP votou en contra daquela moción e o BNG manifestou que a Deputación non era o foro acaído para tratar estas cuestións, que debían abordarse na Xunta», lembrou Vila.

«Que mudou desde entón? Por que agora si traen estes temas ao pleno provincial?», cuestionou o dirixente socialista, quen engadiu que «mentres nós propoñiamos actuacións concretas e viables desde a institución provincial, eles preferiron a inacción e agora presentan mocións máis centradas na retórica que nas solucións reais».