O PSDEG-PSOE CONDENA OS «RETRASOS INXUSTIFICADOS» DA MESA DE INCENDIOS E PIDE QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE “DEIXE DE ESPECULAR E ACTÚE XA” MENTRES SE ACHEGA O VERÁN
O Grupo Socialista presentou 40 propostas rigorosas hai catro meses, froito dun traballo rigoroso e exhaustivo con expertos e afectados, mentres a corporación provincial segue sen avanzar
A suspensión das reunións previstas para esta semana evidencia unha falta de liderado preocupante fronte á dramática experiencia do pasado agosto nun territorio que non pode permitirse máis demoras
Álvaro Vila esixe que se deixe de contemporizar e se convoque unha sesión de traballo real na que se debatan e executen medidas concretas antes da chegada das altas temperaturas
Ourense, 5 de febreiro de 2026. O Grupo Provincial Socialista lamenta a suspensión das reunións da Mesa Provincial de Incendios previstas para esta semana e denuncia que a Deputación de Ourense segue a contemporizar catro meses despois de que o PSdeG-PSOE presentase un documento con 40 propostas rigorosas e concretas. «Tralo inferno vivido en agosto, cando arderon ducias de milleiros de hectáreas na provincia, a demora institucional resulta incomprensible e preocupante para un territorio que segue a depender de que o tempo sexa benévolo», finca Álvaro Vila.
O voceiro socialista lembra que o 30 de outubro de 2025 o PSdeG-PSOE remitiu á Deputación «un documento completo con propostas organizadas por categorías, froito dun traballo exhaustivo con expertos, afectados, alcaldes, gandeiros, técnicos forestais e organizacións ambientalistas». Durante semanas, tendo como colofón un encontro de máis de catro horas na sede do partido, debateuse con rigor sobre as causas estruturais dos lumes e as medidas concretas a adoptar pola institución provincial. «As propostas que remitimos non son un catálogo de boas intencións senón actuacións viables, fundamentadas tecnicamente e adaptadas ás competencias da Deputación», explica.
Agora, catro meses despois e a poucos días das reunións convocadas, a Mesa Provincial cancela as sesións alegando que, antes de nada, un técnico debe elaborar unha síntese das propostas presentadas. Para o voceiro do Grupo Provincial Socialista, «esta xustificación resulta incomprensible cando o PSdeG-PSOE xa entregou un documento perfectamente estruturado desde outubro, mentres a Deputación non fixo nada durante todo este tempo». A metodoloxía escollida pola propia institución provincial, que renunciou ao debate directo entre os diferentes actores e limitábase a recoller propostas illadas, «evidencia unha falta de liderado preocupante ante un problema da magnitude do sufrido», sinala Vila.
Dende o PSOE ourensán destacan que durante a reunión “propuxemos que había que organizar e clasificar as propostas, porque o que presentaban viña todo sen ningún tipo de organización”. As e os socialistas pediron a anulación das mesas seguintes debido a que “o traballo non estaba feito a metodoloxía proposta pola propia Deputación, non se estaba a seguir”.
O verán e as altas temperaturas achegan
«O verán xa está aí e a provincia segue a depender de que o tempo sexa benévolo», critica Álvaro Vila, quen esixe á Deputación que «non acumule retrasos inxustificados, deixe de especular e actúe xa». O territorio ourensán, devastado polos lumes de agosto, non pode permitirse máis demoras nin dilacións. As 40 propostas do PSdeG-PSOE están enriba da mesa desde outubro, son concretas, son urxentes e son viables. «A cidadanía ourensá esixe que as administracións estean á altura das circunstancias e que a Mesa de Incendios sexa un espazo de decisións efectivas, non un escaparate mediático para ganar tempo e desviar a atención», sentenza o voceiro socialista.
O Grupo Provincial Socialista reitera o seu compromiso coa recuperación do territorio e insta á Deputación de Ourense a convocar canto antes unha sesión de «traballo real», na que todos os grupos políticos e expertos poidan debater e construír propostas compartidas, viables e acaídas ao ámbito competencial da corporación. «Mentres a institución provincial segue a atrasar reunións e a buscar xustificacións burocráticas, o monte ourensán segue igual de vulnerable que en agosto. A responsabilidade da Deputación é actuar xa, porque o lume non espera nin entende de dilacións administrativas», conclúe Vila.

