AS SOCIALISTAS ESIXEN AO GOBERNO LOCAL QUE SOLICITE O CANON REDUCIDO DE SOGAMA PARA EVITAR UN SOBRECUSTO INNECESARIO EN 2026
Rexistramos preguntas para advertir ao goberno municipal e para evitar que Ourense perda centos de miles de euros por non solicitar o canon reducido de SOGAMA
Ourense, 10 de febreiro do 2026. O Grupo Municipal Socialista vén de rexistrar preguntas formais para saber se o goberno municipal solicitou xa a adhesión ao canon reducido de tratamento de residuos domésticos para o ano 2026, unha medida regulada, con prazo pechado e que pode supoñer un aforro económico moi significativo para a veciñanza. A normativa publicada no DOG establece para 2026 un canon ordinario de 111,13 €/tonelada + IVE e un canon reducido de 97,76 €/tonelada + IVE, condicionado a que o concello o solicite expresamente antes do 5 de marzo de 2026 e cumpra, cando menos, un dos requisitos ambientais previstos na lei.
“A diferenza é de 13,37 euros por tonelada. No caso de Ourense, que xestiona decenas de miles de toneladas de residuos ao ano, isto tradúcese nun aforro potencial que pode situarse entre varios centos de miles de euros anuais” Subliñan as socialistas.
Desde o Grupo Municipal Socialista advertimos de que non solicitar este canon reducido non sería un erro técnico, senón unha neglixencia política con impacto directo nas contas municipais. “Falamos de pagar máis por exactamente o mesmo servizo, simplemente por non facer un trámite en prazo”, sinalan desde o grupo socialista.
O máis grave é que esta posibilidade non é nova nin complexa: está claramente regulada, publicada no DOG e con requisitos asumibles. Polo tanto, se o Concello de Ourense renuncia a este aforro, estará facéndoo de maneira consciente, mentres segue cargando sobre a veciñanza os custes dunha xestión deficiente.
Ademais do impacto económico, o canon reducido está ligado a obxectivos ambientais mínimos, como reducir a fracción resto ou mellorar a recollida selectiva, ámbitos nos que Ourense acumula atraso, improvisación e falta de planificación.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista esixe ao goberno local:
- Que aclare de inmediato se solicitou ou non o canon reducido.
- Que, de non facelo, o solicite antes de que remate o prazo legal.
- Que dea explicacións se, por deixación ou inacción, Ourense perde centos de miles de euros perfectamente evitables.

