O PSDEG-PSOE PRESENTA UNHA MOCIÓN NA DEPUTACIÓN PARA ADOPTAR UN PLAN DE CHOQUE EN INFRAESTRUTURAS NA LIMIA E ASISTIR AOS CONCELLOS AFECTADOS POLAS INUNDACIÓNS
O voceiro do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Vila, comprobou in situ no límite entre Rairiz de Veiga e Porqueira o estado do río Limia, novamente desbordado sobre a estrada que comunica os municipios
Para Vila, a Deputación de Ourense «ten a obriga legal e moral de actuar» cun plan de choque concreto, dotado orzamentariamente, para non deixar sos aos pequenos concellos diante de tal desfeita
A alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, denuncia que os municipios da comarca «carecen de recursos suficientes para facerlle fronte a esta situación» e reclama o apoio da corporación provincial
Ourense, 10 de febreiro de 2026. O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense presentará no vindeiro pleno ordinario unha moción para que a corporación provincial aprobe un plan de choque de reparación das infraestruturas viarias provinciais na comarca da Limia e habilite unha liña de axuda extraordinaria para os concellos afectados polas recentes inundacións. O voceiro do grupo, Álvaro Vila, visitou a zona acompañado da alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, e puido comprobar de primeira man a gravidade dunha situación que leva semanas afectando a toda a comarca.
No límite dos termos municipais de Rairiz de Veiga e Porqueira, o río Limia discorría este martes, unha vez máis, a piques de desbordar sobre a estrada que comunica ámbolos dous concellos, nunha estampa que se repite ao longo e ancho da comarca con decenas de vías cortadas, vivendas asolagadas e cultivos esganados. «Estamos ante unha situación de emerxencia real que non admite máis pasividade institucional», afirmou Vila. «A Deputación de Ourense ten competencias sobre a rede viaria provincial e a obriga legal e moral de cooperar con aqueles concellos que non poidan afrontar por si mesmos os custos extraordinarios desta desfeita», engadiu o voceiro socialista.






As inundacións derivadas da sucesión de borrascas atlánticas deste inverno provocaron danos de enorme consideración en toda a comarca. As estimacións do sector primario apuntan a perdas de preto do 80% da colleita de cereal de inverno, mentres a Lagoa de Antela reapareceu de facto nas fincas que durante décadas foron terreo produtivo. Xinzo de Limia chegou a activar o seu Plan de Actuación Municipal fronte ao risco de inundacións, e concellos como Sandiás, Porqueira, Vilar de Santos, Baltar ou Trasmiras viron como o nivel da auga superaba as soleiras das vivendas e bloqueaba accesos a núcleos de poboación.
Os concellos, sen recursos para afrontar a desfeita
«Os concellos da Limia están sós ante unha situación que os desborda», denunciou a alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade. «Non temos recursos técnicos nin orzamentarios para reparar as infraestruturas danadas, tramitar as axudas autonómicas e estatais e atender ao mesmo tempo todas as necesidades da veciñanza. Precisamos que a Deputación estea á altura do seu papel e bote unha man de xeito real e concreto», reclamou Morgade.
A moción que o Grupo Provincial Socialista levará ao pleno contempla dúas propostas de acordo: a aprobación e execución dun plan de choque de inspección, reparación e acondicionamento das estradas provinciais afectadas na comarca, con dotación orzamentaria específica; e a habilitación dunha liña de axuda extraordinaria para os municipios limiaos destinada á reparación de infraestruturas locais danadas, con tramitación simplificada e asistencia técnica e xurídica directa da Deputación.
«Non pedimos nada que non sexa razoable e que non sexa, sobre todo, xusto. Pedimos que a institución provincial cumpra coas súas obrigas con esta comarca que leva demasiado tempo sufrindo soa», concluíu o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila.

