O PSDEG-PSOE DE PADERNE DE ALLARIZ RECLÁMALLE AO ALCALDE QUE CUMPRA AS SÚAS PROMESAS EN RELACIÓN AO PROXECTO DOS CASTIÑEIROS DE CANTOÑA, TRAS DEIXAR TIRADA Á VECIÑANZA
As e os socialistas critican que o concello deulle as costas á veciñanza, que foi a que se preocupou de xestionar os terreos, crear unha agrupación forestal e plantar 700 castiñeiros, conseguindo subvencións, pero cun concello que non moveu un só dedo”
Antonio Estévez sinala que “despois de conseguir case 130 hectáreas, preparar a documentación e crear unha agrupación forestal con 74 socios, a empresa encargada do proxecto deixounos tirada e o que era unha promesa do PP, acabou por converterse nunha busca de subvencións para poder seguir adiante”
“Estamos ante un alcalde que só potencia as zonas do municipio que lle son afíns, dándolle as costas ao resto de parroquias e núcleos de poboación”, denuncia Antonio Estévez, que tamén critica que “parece que para o alcalde hai veciños de primeira e de segunda”
Paderne de Allariz, 9 de febreiro do 2026. O PSdeG-PSOE de Paderne de Allariz reclámalle ao alcalde do Partido Popular, Manuel Pérez Nóvoa, que cumpra as súas promesas electorais en relación ao proxecto dos castiñeiros de Cantoña e do polígono agro forestal de Solbeira. As e os socialistas critican, que en relación ao proxecto dos castiñeiros de Cantoña, o concello “deulle as costas á veciñanza, que foi a que se preocupou de xestionar e preparar os terreos, crear unha agrupación forestal, plantar 700 castiñeiros e limpar a zona, conseguindo subvencións, pero cun concello que non moveu un só dedo para apoialos”.
Dende o grupo municipal socialista explican que nos últimos días o rexedor do Partido Popular mantivo unha reunión ca conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e ca directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, na que se tratou, entre outras cousas, a posta en marcha do polígono agro forestal de Solbeira, que era unha das apostas dos populares no programa electoral, xunto cos castiñeiros de Cantoña.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Paderne de Allariz, Antonio Estévez Blanco, explica que no ano 2021, o anterior alcalde comentou que “tiña un compromiso de Alberto Núñez Feijóo para potenciar o rural do noso concello, dividido en tres zonas, unha de pastoreo, outra de plantación de cereais e outra de castiñeiros, sendo esta última a que correspondería a Cantoña”. Ante esta situación, a veciñanza de Cantoña reuniuse e o propio edil socialista comentou a idea cos veciños, tendo unha gran aceptación. “Co paso do tempo e aproveitando unha conferencia sobre a castaña, preguntei ao alcalde polo tema, pero limitouse a dicir que as parroquias das zonas cara Maceda, non estaban interesados”, sinala Estévez Blanco, que tamén apunta que “esta situación deixounos claro que non souberon explicar o proxecto, xa que actualmente, eu mesmo estou acudindo e explicándollo á veciñanza doutras parroquias que están amosando o seu interese”.
Segundo sinala o voceiro socialista en Paderne “eu seguín persistindo no tema e o rexedor sinalou que había unha empresa que desenvolvería o proxecto e que se conseguiamos 50 hectáreas este levaríase a cabo”. Neste senso apunta que “ao cabo de unha semana tiñamos conseguido máis de 50 hectáreas de cesións da veciñanza e o proxecto ía cara adiante tras preparar toda a documentación e crear a asociación de castiñeiros de Cantoña, con 74 socios, responsables de máis de 500 fincas e unha superficie de case 130 hectáreas”, pero tal e como apunta Estévez Blanco “a empresa que o concello nos facilitou acabou por deixarnos tirados, tiveron que buscar outra e o que era unha promesa de Feijóo e o alcalde, acabou por converterse nunha busca de subvencións”.
“Estamos ante un alcalde que só potencia as zonas do municipio que lle son afíns, dándolle as costas ao resto de parroquias e núcleos de poboación”, denuncia Antonio Estévez, que tamén critica que “parece que para o alcalde hai veciños de primeira e de segunda”. Asemade lembra que o proxecto de castiñeiros de Cantoña “só se atopou con atrancos por parte do PP”, o que nas súas palabras “amosa o nulo interese que teñen por potenciar o rural”.
As e os socialistas destacan que nos últimos tempos “conseguíronse tres subvencións, unha para a plantación de 700 castiñeiros, outra para cambiar de asociación a agrupación forestal e unha terceira para limpezas silvícolas, que se están executando agora mesmo”. Neste senso tamén apuntan que a agrupación forestal “pediu outra subvención para plantar 4,3 hectáreas, pero foi denegada”.
Con respecto ao polígono agro forestal de Solbeira, as e os socialistas temen que “esteamos ante outra promesa feita a bombo e platillo porque a día de hoxe aínda non conseguiron atopar a todos os propietarios dos terreos e as enerxías renovables polas que se ía apostar na zona quedaron en nada”.

