AS SOCIALISTAS DE OURENSE PROPOÑEN DEIXAR OS PARCHES E REALIZAR UNHA REFORMA INTEGRAL DA RÚA PEÑA TERVINCA QUE INCLÑUA UNHA ACTUACIÓN NO PARQUE ADXACENTE
A proposta inclúe unha intervención definitiva na rúa, cun investimento de 500.000€ e unha execución con plazos curtos mediante contrato de emerxencia priorizando a accesibilidade e a durabilidade
Ourense, 12 de febreiro do 2026. As socialistas de Ourense propoñen aproveitar a grave avaría rexistrada na rúa Peña Trevinca para acometer unha rehabilitación integral, definitiva e sostible, afastándose dunha resposta puntual baseada en remendos que non resolven os problemas estruturais da vía.

A rotura da calzada puxo de manifesto o deficiente estado do subsolo, da rede de drenaxe e do firme, nunha rúa con alta densidade residencial e cunha especial sensibilidade social, ao contar con dous centros educativos no seu entorno inmediato. Por este motivo, a intervención debe garantir seguridade, accesibilidade e calidade urbana a longo prazo.

A proposta presentada polas socialistas aposta por unha actuación integral que inclúe:
• Renovación completa da calzada e das beirarrúas con criterios de accesibilidade universal.
• Mellora da rede de drenaxe e das infraestruturas soterradas para evitar novas avarías.
• Reordenación das beirarrúas, priorizando o tránsito peonil.
• Nova iluminación pública eficiente e sostible.
• Incorporación de arborado e zonas verdes de pequeno formato.
• Mobiliario urbano funcional e integración dunha pequena terraza ordenada e compatible coa convivencia veciñal.
• Medidas de calmado do tráfico, sen carril bici, adaptadas á sección real da rúa.
Rehabilitación do parque infantil
A proposta inclúe tamén a rehabilitación do parque infantil situado ao final da rúa, un espazo moi utilizado polas familias da zona. A actuación permitirá renovar os xogos, mellorar o pavimento de seguridade, reforzar a accesibilidade e crear un espazo máis seguro, amable e integrado na nova imaxe urbana da rúa.

O custo aproximado da actuación sitúase entre os 450.000 e os 550.000 euros, incluíndo a intervención na rúa e a mellora do parque infantil. Trátase dun investimento acorde cunha rehabilitación integral de calidade, pensada para evitar actuacións recorrentes no futuro.
Dada a situación de urxencia, a obra pode executarse mediante un contrato de emerxencia, o que permitiría reducir os prazos administrativos e executar a actuación nun prazo estimado de entre 3 e 4 meses, minimizando as afeccións ao tráfico e garantindo en todo momento o acceso seguro aos centros educativos da zona.
As socialistas comprométense a avalar calquera modificación de crédito que sexa necesaria para facer posible esta actuación, porque consideran que investir ben agora é garantir seguridade, servizo público e calidade urbana durante moitos anos.
A rúa Peña Trevinca non precisa parches nin solucións improvisadas. Precisa unha intervención seria, planificada e pensada para as persoas. E esa é a proposta que as socialistas poñen enriba da mesa.

