concellos Denuncias

Carlos Sousa denuncia o absolutismo do goberno municipal da Merca ante a parálise dos orzamentos

O PSDEG-PSOE DA MERCA, A TRAVÉS DO SEU VOCEIRO CARLOS SOUSA, DENUNCIA O “ABSOLUTISMO” DO GOBERNO MUNICIPAL ANTE A PARÁLISE DOS ORZAMENTOS

Sousa amosou hoxe a súa profunda preocupación e rexeitamento ante a deriva que tomou a xestión municipal, marcada pola opacidade e o incumprimento sistemático dos prazos legais

“É lamentable que case 40 anos despois daquelas eleccións que consolidaron o municipalismo en España, este equipo de goberno pretenda volver ao absolutismo do século XVIII, redactando orzamentos a porta pechada e de costas á cidadanía”, afirma

A Merca, 18 de febreiro do 2026. O concelleiro e voceiro do grupo socialista no concello da Merca, Carlos Sousa, amosou hoxe a súa profunda preocupación e rexeitamento ante a deriva que tomou a xestión municipal, marcada pola opacidade e o incumprimento sistemático dos prazos legais.

“Estamos ante un goberno que nin ten a aptitude para xestionar os recursos públicos, nin a actitude necesaria para escoitar á veciñanza e á oposición”, declarou o edil tras constatar que, case dous meses despois do inicio do ano e catro meses despois da data marcada pola lei (15 de outubro), o municipio segue sen un proxecto de orzamentos para o exercicio 2026.

Un retroceso de 40 anos

O concelleiro sinalou unha coincidencia simbólica: o calendario de 2026 é idéntico ao de 1987. “É lamentable que case 40 anos despois daquelas eleccións que consolidaron o municipalismo en España, este equipo de goberno pretenda volver ao absolutismo do século XVIII, redactando orzamentos a porta pechada e de costas á cidadanía”, afirma.

A «rendición» do equipo de goberno

Especialmente grave considera a resposta recibida por parte dun Tenente de Alcalde do PP, quen chegou a afirmar que o municipio “non é viable”.

Para Carlos Sousa, isto supón unha «declaración de bancarrota moral». «Se para eles o noso fogar non é viable, é porque tiraron a toalla. Un municipio é viable cando hai xestión, transparencia e ganas de traballar; o que non é viable é a súa forma de gobernar por imposición».

Firmeza ante a falta de transparencia

Ante a falta de noticias sobre as contas públicas, o concelleiro solicitou formalmente o estado de execución do orzamento prorrogado para fiscalizar en que se está gastando o diñeiro dos veciños mentres o goberno mantén o concello «paralizado». Así mesmo, advirte que manterá unha postura de máxima firmeza e non descarta presentar unha emenda á totalidade se o proxecto final non responde ás necesidades urxentes do municipio, como a seguridade e a transparencia.

“O orzamento é o diñeiro de todos, non a herdanza privada duns poucos. Non imos permitir que sigan gobernando coma se fosen reis doutra época”, conclúe o concelleiro.