O PSOE DE OURENSE LEVARÁ AO PARLAMENTO DE GALICIA O DEPLORABLE ESTADO DA ESTRADA OU-540, ESPECIALMENTE NO TRAMO COMPRENDIDO ENTRE BANDE E A FRONTEIRA PORTUGUESA
As e os socialistas piden que de maneira “urxente e inmediata” se leven a cabo labores de mantemento e reparación do firme, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas usuarias da vía
Carmen Rodríguez Dacosta afirma que “presentamos esta batería de iniciativas polo lamentable estado da OU-540, un exemplo claro do abandono continuado da Xunta á Baixa Limia” e apunta a que “temos que esixirlle que pase de anuncios publicitarios a feitos concretos e accións”
Ramón Alonso sinala que a OU-540 “é o reflexo do que significa a Baixa Limia para o goberno galego, que non é máis que a deixadez, o abandono e a falta de impulso e compromiso, que fai que nos apaguemos pouco a pouco”
Patrick Rodríguez denuncia que a Xunta e o PP “decidiron no seu momento deixar a Baixa Limia sen a prolongación da AG-31 e agora sen un arranxo digno da OU-540” e que “estamos ante un atropelo dando costas ao treito entre Bande e a fronteira portuguesa, cun firme que supón un risco para a seguridade viaria”
Entrimo, 19 de febreiro do 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense levará ao Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas en relación ao “deplorable” estado da estrada OU-540, especialmente no tramo que une Bande coa fronteira portuguesa. As e os socialistas piden que de maneira “urxente e inmediata” se leven a cabo labores de mantemento e reparación do firme, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas usuarias da vía. Asemade tamén lle reclaman á Xunta de Galicia, titular da estrade, que avalíe tecnicamente e faga público o estado real de conservación e seguridade viaria de todo o trazado, onde se inclúa unha análise específica dos riscos existentes e das necesidades de actuación a curto e medio prazo.
Dende o PSOE ourensán reclaman que a OU-540 “precisa con urxencia dunha dotación orzamentaria que permita executar, sen máis demoras, un plan integral para a súa mellora, superando o actual enfoque de actuacións parciais, que resulta insuficiente para garantir unhas condicións de circulación seguras e dignas para a comarca da Baixa Limia”. As e os socialistas apuntan a que “dende o ano 2009, a resposta dos concellos da Baixa Limia viuse marcada polo anuncio a bombo e platillo por parte do Partido Popular de actuacións que nunca se chegaron a executar, ante a insuficiencia das consignacións orzamentarias e pola paralización sistemática dos proxectos anunciados”.




As e os socialistas lembran que dende fai anos, o PSdeG-PSOE de Ourense encabezou as reclamacións para a prolongación da AG-31 dende Celanova ata a fronteira portuguesa, pero tal e como sinalan “a Xunta optou por truncar esta posibilidade, arquivando traballos técnicos xa aprobados e mesmo abandonando expropiacións que xa foran executadas”. Dende entón, a comarca da Baixa Limia permanece “atrapada” nun ciclo de anuncios de actuacións parciais na OU-540, pero que tal e como apuntan dende o PSOE ourensán “non resolveron os problemas estruturais da vía”. Neste senso tamén fan fincapé en que “tras anos de promesas incumpridas e consignacións orzamentarias pírricas e sen executar, anunciouse recentemente a licitación das obras de mellora entre Casal do Bispo e Bande, cun importe de apenas 6 millóns de euros, a todas luces insuficiente, namentres que no tramo entre Bande e a fronteira portuguesa non se consigna ningunha partida para solucionar o grave problema de fochancas, que supoñen un perigo para a circulación de vehículos”.
A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, afirma que “presentamos esta batería de iniciativas polo lamentable estado da OU-540, un exemplo claro do abandono continuado da Xunta á Baixa Limia” e apunta a que “temos que esixirlle que pase de anuncios publicitarios a feitos concretos e accións”. Asemade tamén destaca que “esixirémoslle que se repare de maneira inmediata esta estrada para garantir a seguridade viaria, que se proceda a realizar unha avaliación técnica e que se cumpra co plan integral de reforma desta vía”.
Rodríguez Dacosta subliña que “a veciñanza da Baixa Limia está farta xa de anuncios grandilocuentes, e esixe que a Xunta pase a acción e que se cumpra cos orzamentos consignados e que ano tras ano se incumpren de forma sistemática”. Neste senso tamén fai fincapé en que “esta comarca ten dereito a infraestruturas dignas e a que se remate co abandono o que a Xunta a ten sometida”.
Pola súa banda, o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, sinala que a OU-540 “é o reflexo do que significa a Baixa Limia para o goberno galego, que non é máis que a deixadez, o abandono e a falta de impulso e compromiso, que fai que nos apaguemos pouco a pouco”. O rexedor pon de manifesto que “o que ía ser unha infraestrutura que no seu momento representaba un revulsivo para o despegue da comarca, viuse truncado dende o primeiro momento, desbotándose o proxecto da AG-31”.
Alonso apunta a que “para suplir ese proxecto, optouse por perpetuar unha estrada, na que ano tras ano, especialmente no último tramo, non hai mellora algunha, non licitación, nin tan sequera un mínimo mantemento que evitase a situación calamitosa que vemos o que a diario circulamos por esta estrada, e que supón un perigo constante, ao ter que evitar continuamente as numerosas e fondas fochancas”. Tamén sinala que “a Xunta só opta por un parcheo insuficiente e indecente”.
Por último, o voceiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez, denuncia que a Xunta e o PP “decidiron no seu momento deixar a Baixa Limia sen a prolongación da AG-31 e agora sen un arranxo digno da OU-540”. O edil socialista lembra que a prolongación da AG-31 “é unha reivindicación histórica do PSOE, da veciñanza, de asociacións e de empresarios de ámbolos lados da fronteira” e apunta a que “o futuro da nosa bisbarra transcende pola materialización deste proxecto”.
Rodríguez pon o foco nos diferentes anuncios de mellora da OU-540 sinalando que “en 2022 presentouse un proxecto de 10,3 millóns de euros para arranxar 42 quilómetros de percorrido, pero fai unhas semanas anunciouse que finalmente serían só 6 millóns e afectaría só a 14 quilómetros entre Casal do Bispo e Bande”. O voceiro socialista en Lobios sinala que “estamos ante un atropelo e resulta absurdo que se de as costas ao treito entre Bande e a fronteira portuguesa, cun firme que supón un risco para a seguridade viaria”.

