O PSDEG-PSOE DE OURENSE HOMENAXEA EN ENTRIMO A UNDINA ÁLVAREZ PÉREZ, REPRESALIADA POLOS FASCISTAS EN 1936, CUN ACTO EMOTIVO, DE LEMBRANZA E RECOÑECEMENTO A UNHA PERSOA FIEL AS SÚAS IDEAS
No acto, no que participaron ducias de persoas, participaron o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, o secretario provincial de Memoria Democrática, Xosé Lois Carrión, e o mestre e cofundador da AMD-CAO, Xosé Lois Gómez
Durante a homenaxe púxose en valor ao concello de Entrimo “referente a hora de dignificar a memoria das vítimas do franquismo” e destacouse que “énchenos de orgullo acompañalos neste día e ter co-organizado este acto”
“Hoxe estamos aquí para lembrar a unha vítima do franquismo e lembrar ao resto de persoas que pagaron coa súa vida o seu compromiso cunhas ideas”, sinalaron
Anteriormente o PSdeG-PSOE de Ourense celebrou unha reunión comarcal cos representantes da Baixa Limia e a súa primeira Executiva Provincial do ano 2026, coa vista posta nos comicios electorais do ano 2027
Entrimo, 21 de febreiro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense homenaxeou hoxe na Terrachán, en Entrimo, a Undina Álvarez Pérez, natural da aldea entrimeña de Ferreiros, quen foi asasinada polos fascistas no ano 1936, en represalia polas súas ideas republicanas. Un acto moi emotivo, de lembranza e de recoñecemento a unha persoa que foi fiel as súas ideas e que pagou isto mesmo coa súa propia vida.
No acto, no que participaron ducias de persoas, participaron o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, o secretario provincial de Memoria Democrática, Xosé Lois Carrión, e o mestre e cofundador da AMD-CAO, Xosé Lois Gómez. Un acto que estivo co-organizado polo PSdeG-PSOE de Ourense, Xuventudes Socialistas e a Asociación de Memoria Democrática Campo de Aragón de Ourense. Tras as intervencións, realizouse unha ofrenda floral na Sobreira, no monolito ás vítimas do fascismo e o franquismo.







Undina Álvarez Pérez foi detida en Entrimo e trasladada a prisión de Bande, que foi habilitada coma unha improvisada e desorganizada cárcere de mulleres. Aló sufriu constantes palizas, humillacións e torturas psicolóxicas. Non tivo ningún tipo de xuízo e foi acusada de colaboradora e rebelde contra o novo réxime. A mañá do 30 de setembro de 1936 foi fusilada no antigo cartel de San Francisco, coñecido a día de hoxe como Campo de Aragón.
Durante a homenaxe púxose en valor ao concello de Entrimo “referente a hora de dignificar a memoria das vítimas do franquismo” e destacouse que “énchenos de orgullo acompañalos neste día e ter co-organizado este acto”. Tamén sinalaron que “hoxe estamos aquí para lembrar a unha vítima do franquismo e lembrar ao resto de persoas que pagaron coa súa vida o seu compromiso cunhas ideas”.







Primeira Executiva Provincial do 2026
O día serviu tamén para a celebración da primeira xuntanza da Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, que tivo lugar na biblioteca Tomás de Liberio, na Terrachán (Entrimo). O secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, subliñou durante a súa intervención que “seguimos cumprindo o compromiso adquirido no V Congreso Provincial, levando as executivas provinciais polos diferentes concellos da provincia”. O líder dos e das socialistas ourensás sinalou neste senso que “o obxectivo e percorrer o territorio, estar a carón dos alcaldes, alcaldesas, voceiros, voceiras e militantes e coñecer de primeira man os problemas reais de cada municipio”.
A Executiva Provincial anunciou o cronograma da segunda rolda de reunións comarcais, iniciándose hoxe mesmo coa primeira reunión cos representantes da Baixa Limia. Aprobouse tamén o regulamento de ConMemora, a xuntanza anual do socialismo ourensán, que nesta ocasión chegará a súa V edición. Asemade tratouse a convocatoria do próximo Comité Provincial, que se celebrará o 30 de marzo.
“Seguimos traballando, unidos e con forza para amosarlle á cidadanía que o PSdeG-PSOE de Ourense é o partido polo que ten que pasar o cambio que tanto precisa esta provincia”, apuntou Álvaro Vila. O secretario provincial tamén fixo fincapé en que “estamos preparados para formar os mellores equipos e as mellores candidaturas, na procura de acadar os resultados máis óptimos ao longo da provincia e aumentar o noso poder municipal, con novas alcaldías” e apuntou que “imos traballar intensamente no territorio co obxectivo de conseguir un partido máis forte, activo e que recupere músculo en cada comarca e en cada concello”.





Reunión cos representantes comarcais da Baixa Limia
A Executiva Provincial aproveitou o día de hoxe para iniciar a segunda rolda de reunións comarcais, neste caso na Baixa Limia, na que estiveron presentes representantes de Calvos de Randín, Entrimo, Lobios, Muíños, Lobeira e Bande. As e os socialistas destacan que “entramos na antesala das eleccións municipais de maio de 2027 e é de vital importancia comezar a traballar concello a concello e comarca a comarca para confeccionar as mellores candidaturas”.
Durante a reunión perfiláronse os obxectivos principais de cara ao ano electoral, onde as e os socialistas apostan por “reforzar as alcaldías de Calvos de Randín e Entrimo, aumentar a presencia en municipios como Lobeira, Bande, Muíños e Lobios, buscando algunha nova alcaldía e pelexar por conseguir o deputado provincial do partido xudicial de Bande, clave para propiciar un cambio na Deputación de Ourense”.






