cultura Executiva municipal de Ourense FEMINISMO POLÍTICA PROVINCIAL

As socialistas de Ourense celebran o Día de Rosalía cunha intervención teatral

As socialistas de Ourense e Producións Dispersas propoñen este venres, día 27 de febreiro, ás 19.00h na biblioteca Nós, unha homenaxe viva, crítica e con humor á figura de Rosalía de Castro

En Ourense, a 23 de febreiro de 2026. Con motivo do Día de Rosalía de Castro, as e os socialistas de Ourense organizan este venres, día 27 de febreiro, ás 19.00h na Biblioteca Nós, a intervención teatral Sempre Rosalía, en colaboración coa compañía Producións Dispersas.

Trátase dun espectáculo pensado para todos os públicos que afonda na figura de Rosalía desde unha ollada contemporánea, afastada dos estereotipos e da imaxe edulcorada que durante anos se impuxo arredor da autora. A proposta aposta por unha Rosalía viva, intelixente, combativa e chea de ironía.

Sobre o escenario, a actriz Ana Ponte, caracterizada como Rosalía de Castro, e o actor Diego Freire, no papel dun dos seus biógrafos, establecen un diálogo teatralizado no que a palabra poética convive co humor e coa reflexión crítica, achegando a súa obra e pensamento á cidadanía dun xeito accesible e actual.

As socialistas de Ourense salientan que “reivindicar a Rosalía é tamén reivindicar unha cultura galega crítica, moderna e con voz propia, e celebrar que unha muller ocupe ese lugar central na nosa historia cultural, malia todas as dificultades que tivo que superar”.

O acto terá lugar este venres, día 27 de febreiro ás 19.00h na Biblioteca Nós, con entrada libre ata completar aforo, e forma parte do compromiso dos socialistas de Ourense cunha programación cultural pública, de calidade e con perspectiva de xénero.