AS SOCIALISTAS SINALAN QUE O DEBATE “NON VAI DE QUEN GAÑA OU PERDE NUNHA ENQUISA” E QUE A QUE SI CONTINÚA “PERDENDO OPORTUNIDADES” É OURENSE POLO DESGOBERNO MUNICIPAL
Dende o grupo do PSdeG-PSOE no Concello insisten en que, máis alá de enquisas concretas ou de titulares interesados, o que realmente importa é o clima que se vive na cidade e o que a veciñanza percibe no seu día a día
“Non nos interesan as enquisas como arma política; interésanos que esta cidade funcione. E hoxe non funciona como debería”, advirten ante servizos e infraestruturas públicas tensionadas e en mal estado
Ourense, 23 de febreiro de 2026. O grupo municipal socialista considera que, máis alá de enquisas concretas ou de titulares interesados, o que realmente importa é o clima que se vive na cidade e o que a veciñanza percibe no seu día a día.
Ourense leva tempo acumulando desorde, improvisación e falta de planificación, algo que non se mide só con porcentaxes, senón coa experiencia diaria de quen sofre problemas de tráfico, servizos tensionados, inseguridade en infraestruturas básicas ou abandono do espazo público.
“Non nos interesan as enquisas como arma política; interésanos que esta cidade funcione”, sinalan desde o PSdeG-PSOE no Concello. “E hoxe non funciona como debería”.
Os socialistas insisten en que o malestar social non nace dos medios, senón dunha realidade evidente: unha cidade que precisa máis goberno, máis xestión e menos ocorrencias. Ourense merece estabilidade, planificación e un proxecto serio de cidade, centrado nas persoas e nos servizos públicos.
“O debate non vai de quen gaña ou perde nunha enquisa, vai de se Ourense gaña ou perde cada día. E agora mesmo, está perdendo oportunidades”, conclúen.

