Concello de Ourense

As socialistas de Ourense trasladamos o noso apoio ás praceiras e praceiros despois de que a xustiza frease o desaloxo imposto polo Concello

Cando hai razón, hai xustiza. Onte no Supremo, hoxe na Praza de Abastos.

 En Ourense, a 25 de febreiro de 2026.

As socialistas de Ourense queremos trasladar todo o noso apoio ás praceiras e praceiros da Praza de Abastos de Ourense, despois de que a xustiza aceptase as medidas cautelares solicitadas e frease o desaloxo forzoso que pretendía impor o Concello de Ourense.

Esta decisión xudicial confirma o que as socialistas levamos meses defendendo: non se pode obrigar a traballar nun edificio sen rematar, sen garantías e sen condicións mínimas, xogando co sustento de familias enteiras.

Hai unha mensaxe clara nestes dous días consecutivos: Onte, as socialistas gañamos no Tribunal Supremo fronte aos abusos e á vulneración de dereitos fundamentais. Hoxe, gañan as praceiras e praceiros fronte á improvisación, a prepotencia e a falta de diálogo do goberno municipal.

Non é casualidade. É a mesma lóxica: cando se actúa con razón, con dereitos e con dignidade, a xustiza responde.

Desde o primeiro momento estivemos ao lado das praceiras e praceiros: defendendo que non pode haber traslados forzosos a instalacións inacabadas, esixindo diálogo real e solucións pactadas e reclamando que as administracións deixen de facer anuncios e fotos e asuman responsabilidades.

Para as socialistas de Ourense a Praza de Abastos é moito máis ca unha obra: é emprego,é comercio de proximidade e é cidade viva.

Hoxe a xustiza puxo freo ao despropósito. Agora toca facer o que nunca se debería ter deixado de facer: escoitar, respectar e rematar ben as cousas.

As socialistas seguiremos estando onde sempre estivemos: cos dereitos da veciñanza