O PSDEG-PSOE DE LEIRO LAMENTA QUE O PP VOTE EN CONTRA DUNHA MOCIÓN PARA QUE A XUNTA ASUMA A TITULARIDADE DO CENTRO DE SAÚDE DO MUNICIPIO
O rexedor xustificou a súa negativa asegurando que esta medida “non lle interesa ao concello” e argumentando que a Xunta achega anualmente 10.578 euros para gastos de funcionamento e que o custos reais “serían inferiores”, ademais de indicar que o edificio se emprega como oficina da concesionaria da auga e para ensaios da coral
As e os socialistas consideran que o debate “non pode reducirse a unha cuestión contable, nin a unha comparación de gastos correntes anuais”, xa que tal e como apuntan “debe abordarse desde unha perspectiva de planificación sanitaria e responsabilidade institucional”
Pedro José González e Manuel Rodríguez pregúntanse “por que se utiliza este argumento como xustificación para manter a titularidade municipal do centro de saúde?, cando non existe base contractual que obrigue ao concello a facilitar dito local”
Leiro, 25 de febreiro de 2026. O PSdeG-PSOE de Leiro lamenta que o alcalde, Francisco José Fernández, e os concelleiros do Partido Popular votasen en contra dunha moción presentada polo grupo municipal socialista na que solicitaban que a Xunta asumise a titularidade do centro de saúde do municipio.
Durante o debate, celebrado na última sesión plenaria, o rexedor xustificou a súa negativa asegurando que esta medida “non lle interesa ao concello” e argumentando que a Xunta achega anualmente 10.578 euros para gastos de funcionamento e que o custos reais “serían inferiores”. Asemade tamén indicou que o edificio se emprega para outros fins municipais, como o de oficina da empresa concesionaria do servizo de auga, Espina e Delfín, así como para os ensaios da coral.
Dende o PSdeG-PSOE de Leiro consideran que o debate “non pode reducirse a unha cuestión contable, nin a unha comparación de gastos correntes anuais”, xa que tal e como apuntan “debe abordarse desde unha perspectiva de planificación sanitaria e responsabilidade institucional”. Ademais, as e os socialistas aclaran un aspecto fundamental que é que na documentación do concurso público do ano 2015, polo que se lle outorgou á empresa Espina e Delfín a concesión e explotación do servizo municipal de abastecemento, saneamento e depuración de auga “non figura nin nas cláusulas técnicas, nin nas administrativas ningunha obriga do concello de facilitar un local municipal para a xestión do servizo, nin que teña que dispoñer dun local municipal, nin que o concello teña que asumir custo adicional algún no caso de que a empresa tivese que alugar unha oficina en Leiro”. Neste senso apuntan a que “o feito de que a empresa concesionaria dispoña dun espazo dentro do centro de saúde non responde a unha obriga contractual, senón a unha decisión municipal do goberno local”.
Os concelleiros socialistas, Pedro José González e Manuel Rodríguez, pregúntanse “por que se utiliza este argumento como xustificación para manter a titularidade municipal do centro de saúde?, cando non existe base contractual que obrigue ao concello a facilitar dito local”.
O PSdeG-PSOE de Leiro pon o foco tamén na praza de enfermería de nova creación, que leva tempo aprobada, pero tal e como apuntan “o concello aínda non realizou as adaptacións necesarias no edificio para que esa profesional poida exercer plenamente as súas funcións”. Neste senso González e Rodríguez apuntan a que “se existe unha nova praza, o primeiro debería ser garantir espazo e condicións axeitadas para desenvolver o traballo e a prioridade debe ser a sanidade, non a conveniencia administrativa”.
Na moción presenta incluíase unha cláusula de reversión para protexer o patrimonio municipal, garantindo que o edificio volvería a ser do concello no caso de deixar de ter uso sanitario público. “O debate real non é a factura da luz ou do gasoil e que queremos que o centro de saúde teña unha planificación seria a medio e longo prazo e que as decisións se tomen en función do interese sanitario”, conclúen dende o PSdeG-PSOE de Leiro.

