Deputación de Ourense INICIATIVAS MEDIO AMBIENTE

Reclamamos unha solución sustentable para a xestión de residuos inertes na comarca de Monterrei

AS E OS SOCIALISTAS RECLAMAN POÑER FIN AO AGRAVIO TERRITORIAL COA COMARCA DE MONTERREI NA XESTIÓN DE RESIDUOS INERTES

Os operadores vénse na obriga de levar os residuos de construción e demolición a vertedoiros situados entre 80 e 120 quilómetros, o que incrementa o custo das obras e favorece os vertidos ilegais no monte e parcelas privadas

A vaga de incendios forestais do pasado mes de agosto deixou ao descuberto refugallos ocultos en espazos naturais, evidenciando a urxencia dunha solución comarcal estable que garanta o cumprimento da normativa ambiental

Eva Pérez Gamote, alcaldesa de Vilardevós e nova deputada provincial, defenderá a iniciativa no pleno do venres, no que tomará posesión como membro do Grupo Socialista na Deputación de Ourense

Ourense, 26 de febreiro de 2026. O Grupo Provincial Socialista presentou este mércores en Verín unha moción para impulsar unha solución sustentable para a xestión de residuos inertes na comarca de Monterrei, que levará ao pleno ordinario da corporación do vindeiro venres. A iniciativa reclama á Xunta que inclúa no Plan de Residuos de Galicia un centro comarcal específico e insta á Deputación a prestar apoio técnico e económico aos concellos afectados mentres a infraestrutura non se atope operativa.

A moción está impulsada por Eva Pérez Gamote, alcaldesa de Vilardevós, que no mesmo pleno do venres tomará posesión como deputada provincial do Grupo Socialista, en substitución de Marina Vaz Quintillán, concelleira no Riós. Coñecedora de primeira man da problemática que afecta á comarca, Pérez Gamote estreará o seu mandato provincial defendendo unha reivindicación histórica. «É algo que se vén demandando desde hai moitos anos e até o de agora non se fixo nada. É o momento», afirmou.

A situación que padece Monterrei é de clara desvantaxe territorial. Os vertedoiros autorizados máis próximos para a deposición de residuos inertes procedentes de obras de construción e demolición encóntranse a distancias de entre 80 e 120 quilómetros, en concellos como A Rúa ou Leiro. Esta circunstancia converte un trámite ordinario nun custo extraordinario, dificultando tanto as obras públicas municipais como as reformas e rehabilitacións de particulares.

As consecuencias económicas son especialmente graves para os concellos de menor tamaño e capacidade orzamentaria. Os sobrecustos de transporte reducen a marxe de investimento das entidades locais, encarecen os concursos públicos e crean barreiras que desincentivan a actividade no sector da construción. «A falta dunha solución comarcal próxima provoca iniquidades territoriais claras», salientou o voceiro socialista Álvaro Vila Araújo. «Outros territorios contan con infraestruturas a distancias moito máis razoables. Non hai razóns obxectivas para que Monterrei continúe soportando este agravio», engadiu o secretario provincial do PSdeG-PSOE.

Unha reivindicación que os incendios fixeron inaprazable

A vaga de incendios que asolou a provincia de Ourense o pasado mes de agosto deixou ao descuberto numerosos refugallos agochados en espazos naturais da comarca, evidenciando que o problema se acumulou durante anos ao abeiro da distancia e da falta de control. «Quedaron ao descuberto moitos deses residuos no monte. O PSOE quere unha solución factible para toda a comarca, e este é o momento de actuar», subliñou Eva Pérez Gamote.

A moción esixe que se planifique e execute no menor prazo posible un centro comarcal de xestión de residuos inertes para Monterrei, adoptando medidas simultáneas para previr os vertidos ilegais. En paralelo, reclama á Deputación que lidere a coordinación entre os concellos afectados, estude fórmulas de colaboración intermunicipal e inclúa criterios que contemplen os sobrecustos derivados desta carencia nos plans de cooperación e liñas de apoio ás obras.

A presentación en Verín contou coa presenza de Vila Araújo, Eva Pérez Gamote, a deputada saínte Marina Vaz Quintillán e a concelleira de Vilardevós Marina Lovelace. O voceiro socialista subliñou que a iniciativa é un exemplo do traballo de oposición útil e territorial que desenvolve o Grupo Socialista, ao pór sobre a mesa da institución provincial demandas concretas que afectan directamente á vida cotiá dos concellos da comarca.