Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos un plan de choque para os concellos afectados polas inundacións

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA IMPULSA UNHA MOCIÓN PARA A POSTA EN MARCHA DUN PLAN DE CHOQUE EN INFRAESTRUTURAS NA LIMIA E HABILITAR AXUDAS AOS CONCELLOS AFECTADOS POLAS INUNDACIÓNS

O pleno aprobou por unanimidade a moción do Grupo Socialista para impulsar un plan de choque en infraestruturas na Limia e habilitar axudas extraordinarias para todos os concellos da provincia afectados polas inundacións

O voceiro Álvaro Vila Araújo interpelou ao goberno provincial sobre as alegacións ao anteproxecto de Lei de Administración Local e Sherezade Núñez Rodríguez sobre o estado de tramitación das subvencións para vivenda

Ourense, 27 de febreiro de 2026. A moción socialista, relativa á aprobación dun plan de choque de reparación das infraestruturas viarias provinciais na comarca da Limia e á habilitación dunha liña de axuda extraordinaria para os concellos afectados polas inundacións, foi aprobada pola unanimidade do pleno. A iniciativa, defendida pola nova deputada Susana Rodríguez Rodríguez, reclama que a Deputación asuma o seu papel de institución de cooperación territorial e non deixe sós aos municipios ante os danos causados polas sucesivas borrascas atlánticas deste inverno. Os puntos de acordo da moción fanse extensivos, ademais da Limia, ao resto de concellos da provincia que sufriron danos nas súas infraestruturas como consecuencia das inundacións.

«A unanimidade desta votación é un recoñecemento explícito de que a situación na Limia e noutros concellos da provincia é urxente e real. Agora o goberno provincial ten a obriga de executar o que hoxe aprobou co voto favorable de todos os grupos da cámara», afirmou Vila Araújo. A comarca da Limia leva semanas sufrindo as consecuencias das chuvias persistentes, con estradas provinciais afectadas, cultivos anegados e núcleos de poboación con accesos cortados. As estimacións do sector primario apuntan a perdas de ata o 80% da colleita de cereal de inverno e concellos como Xinzo chegaron a activar os seus plans de actuación municipal fronte ao risco de inundacións.

Lei de administración local e axudas para vivenda

Ao peche da sesión, o Grupo Provincial Socialista exerceu o seu papel de control ao goberno provincial a través de dúas preguntas para resposta oral en pleno. O voceiro Álvaro Vila Araújo interpelou ao equipo de goberno sobre as alegacións que a Deputación presentou ou ten previsto presentar ao anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia, actualmente en tramitación pola Xunta. O presidente da Deputación, Luís Menor, manifestara publicamente o seu apoio xeral á norma, mais o Grupo Socialista considera necesario coñecer cal é a posición institucional formal da corporación en relación ao financiamento e á delimitación de competencias municipais, nun proceso que afecta directamente ao futuro dos 92 concellos da provincia.

Pola súa banda, a deputada Sherezade Núñez Rodríguez formulou unha pregunta sobre o estado de tramitación da convocatoria de subvencións para a rehabilitación e adquisición de vivendas destinadas ao alugueiro residencial publicada no BOP do 5 de novembro de 2025, cunha dotación de 500.000 euros para concellos de menos de 20.000 habitantes. Trala preocupación trasladada polo grupo en diversas comisións informativas sen obter respostas concretas, o Grupo Socialista reclamou en sede plenaria coñecer o número de solicitudes recibidas e os prazos de resolución previstos. «Os concellos precisan saber con que contan e cando. Non é razoable que unha convocatoria deste tipo permaneza durante meses sen información clara sobre a súa tramitación», concluíu Núñez Rodríguez.